Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 29/06/2023 | Actualizada ás 11:06
A Feira do Viño de Valdeorras chega á súa edición XXIV e dende o Consello Regulador da D.O. Valdeorras queren darlle un pulo importante para que a súa proección mediática sexa maior que ata o de agora.
A presentación oficial do evento tivo lugar o pasado 27 de xuño no Barco de Valdeorras e nela estiveron o Alcalde do Barco, Alfredo García, e tamén o presidente do CRDO de Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, quen anunciou a chegada de xornalistas especializados de distintos lugares do Estado para darlles a coñecer o territorio e a celebración da feira co obxectivo de que o divulguen a través dos seus medios de comunicación. Ademais, Rodríguez Castellanos, lembrou a figura do pregoeiro, Manuel Jabois, a quen situou como "un dos autores de maior proxección do panorama español actual".
Na edición deste ano haberá un total de 20 adegas e unha chea de actividades para todos os públicos, incluída a cativada, programa confeccionado conxuntamente polo Consello Regulador e o Concello do Barco de Valdeorras.
CATA OFICIAL E ACTIVIDADES
A Cata Oficial farase, como é costume, con carácter previo á Feira do Viño. Será a tarde do venres 7 de xullo no Complexo Hostaleiro Paladium. Participarán catadores, entre outros, o grupo de xornalistas convidados.
No que se refire ás actividades, o día 8 pola mañá será a inauguración institucional tras o pregón de Manuel Jabois,e a continuación xa se abrirán os postos (horario de 12:30 a 14:30 h. pola mañá e de 20:00 a 00.00 h. pola tarde. Domingo ata as 23:00 h.). Nos xardíns da Casa Grande de Viloira haberá inchables para os máis pequenos e o recinto feiral estará amenizado por música de charanga e tradicional.
Este mesmo día, a Charanga Brexit encargarase de ambientar musicalmente a feira e haberá unha Cata maridada con viños de Valdeorras e queixos das diferentes D.O. galegas. Xa pola noite, concerto oitenteiro a cargo da banda ourensá "En Mala Hora".
O domingo 9 animará o recinto feiral o Grupo de Cantos de Taberna "Os Pándega" e terá lugar, como novidade, unha Cata Popular, actividade de balde para público adulto. Tamén haberá un Showcooking a cargo do chef Héctor López, do Grupo Nove.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.