Por Galicia Confidencial | O Barco de Valdeorras | 07/02/2025 | Actualizada ás 10:00
A Denominación de Orixe Valdeorras, a través de 36 referencias de 18 adegas amparadas, vén de pechar unha exitosa presenza na Barcelona Wine Week celebrada na cidade condal durante 3 días.
Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador, calificou o evento de “intenso” en canto ao traballo que supuxo recibir un moi elevado número de visitantes cada xornada. “Durante estes días, achegáronse ao stand da D.O. Valdeorras diferentes tipos de público; ademais do mundo do viño, o máis relevante foi o público profesional de restauración”, explicou Mazaira.
Mazaira subliñou tamén que “a maior parte dese público que decidiu visitar o noso stand, xa coñecía os nosos produtos, porque agora veñen sabendo o que piden, e moitos piden exclusividade”. Uns produtos que buscaron a diferenciación participando “nunha feira que temos visto medrar cada ano que asistimos, desde a primeira edición, unha evolución que nos fala de dar ao viño a importancia que merece; foi todo un acerto”, insistiu Mazaira.
A Barcelona Wine Week tamén foi para a D.O. Valdeorras un lugar de aprendizaxe, según explica Jorge Mazaira, “sempre a nivel técnico, porque un non deixa de aprender nunca, pero sobre todo a nivel promocional, porque testamos as nosas campañas e sempre aprendemos moito uns dos outros”.
AXENDA PRÓXIMA DE PROMOCIÓNS
O seguinte gran evento ao que acudirá o Consello Regulador será o 38º Salón Gourmets de Madrid, do 7 ao 10 de abril e, posteriormente, á 13ª edición de Fenavin, que se celebrará do 6 ao 8 de maio en Ciudad Real.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.