Achégase o final da tempada de caza libre de xabarís en Galicia: serviu para algo?

A realidade é que "o xabaril non está baixo control", lamenta o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias (UU.AA.), Jacobo Feijóo, que asegura que "só coa caza social non chega", como evidencia o importante incremento de accidentes de tráfico por atropelo destes animais e o aumento das súas incursións en núcleos urbanos e periurbanos.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/02/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

'Un accidente cun xabaril colapsa con 10 quilómetros de colas a AP-9 á entrada da Coruña' (14/01/2025) / 'Un xabaril cóase na A-6 e provoca un aparatoso accidente con dous feridos' (03/01/2025) / 'O atropelo dun xabaril provoca un accidente nas Pontes' (08/12/2024) / 'Un xabaril provoca un accidente múltiple en Ourol e obriga a cortar un carril da LU-540 en sentido Lugo' (02/12/2024)... Estes son só algúns dos últimos titulares que demostran a cada vez maior presenza de xabarís en Galicia, e xa non só nos montes. 'Dous xabarís no parking de Marineda City' (15/12/2025) / Catro grandes xabarís na cidade da Coruña obrigan a intervir á policía' (19/10/2024) / 'Os xabarís xa son un veciño máis na rúa Carriarico de Ourense' (29/09/2024) / ''Novo veciño en Santiago: un xabaril pasea de madrugada polo centro da cidade' (18/04/2024)... Estes outros son titulares que expoñen o cada vez maior achegamento destes animais aos núcleos urbanos e periurbanos. Así, se no pasado sempre falabamos dos danos económicos que os xabarís causaban nos cultivos, no presente xa comezamos a falar dun problema de seguridade viaria, de seguridade pública e mesmo de saúde. Un problema que semella difícil de atallar.

Un xabarín nun campo de millo
Un xabarín nun campo de millo | Fonte: www.zoowebplus.com - Arquivo

A finais do pasado ano a Xunta declarou en Galicia a emerxencia cinexética por cuarta vez (a primeira vez que se declarou foi na tempada de caza 2019-2020, cando se habilitou en 33 concellos). Con esta declaración extraordinaria abríase a caza libre de xabarís, sen límite de exemplares por cazador. O obxectivo era poder chegar a controlar a poboación dunha especie que estaba xerando situacións perigosas e perxudiciais para a agricultura, a gandaría e as persoas. En concreto, permitíase realizar estas cazarías en 40 comarcas, tres máis que na tempada anterior, chegando así a cubrir máis do 85 % do territorio (260 concellos), no tempo comprendido entre o pasado 12 de outubro e o vindeiro 23 de febreiro. Chegando xa, por tanto, ao final desta tempada de caza de xabaril, e vendo que o número de accidentes por impacto en estradas e o número de desfeitas na agricultura non decrecen, dende o Galicia Confidencial falamos con Jacobo Feijóo, o responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias (UU.AA.), que nos explica que é o que está a acontecer e por que coas medidas ata o de agora adoptadas non chega para facer fronte á proliferación deste animal.

Como nos corrobora, "o xabaril non está baixo control, as estatísticas dos danos que causa na agricultura van a máis e as estatísticas dos accidentes de tráfico provocados por atropelo de xabarís tamén van a máis". Todo iso a pesar de que, como confesa Feijóo, "agora mesmo non é o momento de maior incidencia, porque non é tempo de cultivar o millo nin de castañas, pero aínda así seguen a ter incidencia nos prados, causando neles tamén danos importantes". Así as cousas, como é posible que autorizando a libre cazaría non se lograse reducir visiblemente o número de exemplares nos últimos anos? O responsable de Desenvolvemento Rural de UU.AA. explica que "o xabaril é un animal moi prolífico e hai lugares en Cataluña e na Comunidade Valenciana onde o problema aínda é moito maior que en Galicia, porque teñen moitos máis animais, ata chegar a considerarse xa unha praga". A este punto podería chegar tamén en Galicia, na súa opinión, se non se toman outras medidas máis aló da caza social, porque, "aínda que as sociedades de caza e os tecores están facendo grandes esforzos, van por detrás do problema".

"NAS ZONAS URBANAS E PERIURBANAS NON SE PODE PRACTICAR A CAZA POR SEGURIDADE E OS XABARÍS ESTÁN ATOPANDO NELAS O SEU RESERVORIO"

Ademais, Feijóo apunta a que, chegados ao punto actual, no que o xabaril xa non só está no monte, senón que tamén baixa ás cidades, a cousa aínda se complica máis, porque "as zonas urbanas e periurbanas son zonas de seguridade nas que non se pode practicar a caza", de maneira que, "nelas, os xabarís están atopando un nicho de protección que se converte, por así dicilo, en reservorio, e dende el saen logo facer dano cara outras zonas". Como alerta, "xa non se trata de que causen dano só a nivel agrario, ou na seguridade viaria, ou en espazos naturais protexidos onde se alimentan de flora e fauna protexida, senón que, ao haber unha poboación tan desmedida, tamén comezan a supoñer un problema de sanidade animal e humana, poñendo en xaque a saúde futura das persoas e animais domésticos, pola transmisión de parásitos e enfermidades". Deste xeito, amósase convencido de que "vai haber que afrontar este problema con máis ferramentas que as que se puxeron ata o de agora e, sobre todo, con máis decisión".

Xabarín
Xabarín | Fonte: Arquivo

Ante esta realidade, a pregunta que xorde é: chegamos tarde á toma de medidas? Declarouse cando xa era tarde a situación de emerxencia? Para o responsable de Desenvolvemento Rural de UU.AA., isto é difícil de asegurar a ciencia certa, porque "Galicia é unha terra complicada a nivel de ecosistema, porque conta con moitas zonas de monte onde o xabarín se pode agochar e saír logo dende elas causar estragos nos campos de cultivo; pero tamén conta con zonas periurbanas, polo que a papeleta é complicada". Con todo, o que si advirte é que "imos ter que tomar medidas máis drásticas se queremos atallar o problema, porque resulta evidente que a poboación de xabarís se escapa e, con iso, cada día tamén aumenta máis o risco de que poida haber un brote dunha enfermidade nestes animais salvaxes que acabe saltando ao gando doméstico". A modo de exemplo, conta que na zona do Levante e en Cataluña xa teñen graves problemas coas garrapatas, que pasaron dos xabarís aos animais domésticos e, en consecuencia, ás persoas, causando diversas enfermidades.

"A CAZA SOCIAL NON CHEGA; XA É HORA DE TER SISTEMAS COMPLEMENTARIOS E AVANZAR NO USO DE XAULAS PARA COLLER UNIDADES FAMILIARES COMPLETAS"

Entón, que se debería facer? Como se podería controlar a estes animais? En primeiro lugar, Feijóo deixa claro que "valoramos moito o esforzo que fai a caza social e que é insubstituíble". "Están cazando da orde de 20.000 animais ao ano que, se non se cazaran, non quero imaxinar como estaría agora o rural e os cultivos", reflexiona. Sen embargo, indo máis aló, afirma que "hai unha realidade que non podemos pasar por alto tamén no tema da caza: non hai relevo xeracional nos cazadores e estes van a menos a cada ano que pasa, polo que se reduce a capacidade de facer máis batidas". Ademais, convida a non esquecer que "estamos falando de cazadores non profesionais, persoas que empregan o seu tempo libre e os seus recursos en realizar esta actividade, porque lles gusta, pero sen ter obriga". Deste xeito, Feijóo evidencia que "o feito de que a emerxencia cinexética aumentara a posibilidade de ter moitos máis días de caza non funciona, porque a realidade é que estas persoas non poden ir cazar moito máis do que xa ían, por ter xornadas de traballo e outros gastos".

É por todo iso que dende Unións Agrarias consideran que "xa é hora de ter sistemas complementarios, sobre todo nas zonas de cultivo, avanzando cara o uso de xaulas para capturar unidades familiares completas destes animais que non deixan de causar dano tanto nas zonas de cultivo como, agora tamén, nas zonas periurbanas e urbanas, e eutanasialas". "Non queda outra, non hai outro sistema posible nin outro remedio", lamenta Feijóo, que insiste na importancia de "conseguir estabilizar as poboacións de xabarín e, sobre todo, de retiralas dos sitios onde fagan dano, xa sexa en cultivos ou á propia poboación, porque con tantas baixadas que se rexistran a núcleos urbanos van rematar dando un desgusto grande máis pronto que tarde, xa sexa por ataques a mascotas ou directamente a persoas". Ao respecto, lembra que "o xabaril é un animal salvaxe e, como todo animal salvaxe, resulta bastante impredicible, sobre todo cando estamos falando de miles de exemplares, porque con que unha pequena porcentaxe deles teña un comportamento agresivo, xa temos un problema serio".

"NO CASO DE ATOPARSE CUN XABARIL, HAI QUE DEIXARLLE DISTANCIA, RETIRARSE AMODO E NON INTENTAR INTERACTUAR CON EL"

Por iso, Feijóo advirte á poboación sobre a importancia de "nunca tomarse confianza cos xabarís, non alimentalos e non deixarlles comida nas zonas onde se ve que van rebuscar no lixo". No caso de detectar a presenza dalgún exemplar nunha zona concreta, recomenda "chamar ás autoridades para que tomen medidas, como poñer contedores inaccesibles para eles". Finalmente, nos entornos periurbanos nos que hai moitos solares e fincas abandonadas, aconsella "manter moita limpeza, porque nestes lugares é onde verdadeiramente os xabarís constrúen o seu refuxio, dende o cal saen logo facer as súas correrías e incursións". En resumo, "non alimentalos baixo ningún concepto, ser conscientes de que se trata dun animal perigoso co que non se pode tomar un a mínima confianza, chamar á policía para que tome medidas e manter os solares e fincas nas que se sabe que se poden refuxiar limpas". E, no caso de atoparse fronte a fronte con un xabaril, "deixarlle distancia, retirarse amodo e non intentar interactuar con el, porque son animais salvaxes e, polo tanto, impredecibles, que nun intre dado poden poñerse en modo ataque ou predación e darnos un desgusto".

Ao preguntarlle se a despoboación no rural pode influír na baixada destes animais cara as cidades, ao ter cada vez menos hectáreas de cultivo das que alimentarse, Feijóo apunta a que "realmente non están descendendo tanto as hectáreas de cultivo como para falar dunha relación causa-efecto", polo que, máis ben, considera que "os xabarís son animais oportunistas que poden alimentarse con refugallos e carroña, polo que, se ven que nos cubos do lixo que hai na contorna das cidades ou nos vertedoiros hai alimento, irán intentar colonizar esas zonas e expandirse a esa nova área". "Este animal ten a capacidade de aprender e de colonizar novos nichos se ve que neles ten refuxio e alimento", asevera. Precisamente, ese refuxio adoita atopalo en fincas abandonadas, que tampouco son fáciles de controlar, porque "moitas veces aparecen problemas legais polo medio, pois non se pode entrar nelas porque se descoñece quen é o dono ou porque antes de facelo hai que comunicalo no Diario Oficial de Galicia (DOG)". "Nestas cousas debemos ser máis resolutivos e, aí donde vexamos que hai xabarís, debemos poder entrar a limpar de inmediato con desbrozadoras, para quitarlle a posibilidade de refuxio e de seguir expandíndose cara a cidade, facendo que volvan novamente ao monte", plantexa Feijóo.

"EN COMARCAS COMO A DA MARIÑA, A DA CORUÑA E A DE CHANTADA A XENTE DIRECTAMENTE XA NON CULTIVA, PORQUE SABE QUE VAI VIR O XABARIL"

No tocante á problemática agrícola, en moitas zonas de Galicia semella que a cousa xa está perdida, pois tras varios episodios negativos relacionados con estes animais, os agricultores xa nin se plantexan volver cultivar as súas terras, dado que as perdas económicas son moi notables. Así as cousas, o responsable de Desenvolvemento Rural de UU.AA. lamenta que "xa non é que teñan medo, senón que directamente se inhiben de cultivar porque sufriron moitos danos e non dán máis". En concreto, apunta a comarcas enteiras como a da Mariña lucense, a da Coruña e a de Chantada. "En moitos destes lugares o nivel de danos e o aburrimento da xente é tal que xa desiste de sementar, deixando hectáreas e hectáreas de terreo a monte", afirma Feijóo, que conta que, "falando con xente que vive no campo, hai quen che di que si se animaría a botar trigo para poder facer pan, pero que non lle compensa porque sabe que vai vir o xabaril destrozarllo". Deste xeito, aos danos causados directamente sobre os cultivos, habería que sumar "os danos que non se producen porque xa non se chega a cultivar, porque a xente de certos lugares está disuadida de facelo: non lles compensa sementar 20 hectáreas para que logo este animal lles leve por diante 5".

O grupo de xabaríns, cruzando a estrada en Burela
O grupo de xabaríns, cruzando a estrada en Burela | Fonte: AXM - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta