Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2023 | Actualizada ás 11:32
A partir do próximo 11 de xullo, as persoas maiores de 65 anos poderán ir ao cinema a un prezo reducido de 2 euros, un día á semana, en calquera das 17 salas de Galicia que se acolleron á medida impulsada polo Goberno central para fomentar a reactivación do sector entre este grupo de idade.
Segundo informou a Delegación do Goberno en Galicia, por provincias, na Coruña incorporáronse 7 cinemas; en Lugo, 3; en Ourense foi un; e en Pontevedra, un total de 6.
En España, adheríronse un total de 420 establecementos privados, o 64,22% do total que, segundo datos do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), estimábase que podían acollerse a este programa de subvencións directas dirixido a un dos segmentos do sector cultural máis afectados pola pandemia. Entre todos, suman máis de 3.000 pantallas de proxección distribuídas polo territorio.
Segundo o Real Decreto aprobado polo Consello de Ministros o pasado 13 de xuño, a proposta do ministro de Cultura, a medida permitirá que un día á semana, preferiblemente os martes ou outro día no caso das salas que só abren durante o fin de semana, as persoas de 65 anos ou máis poidan acceder ao visionado dunha película por 2 euros. As entradas só se poderán expedir nos despachos de billetes das salas, previa identificación da persoa e a acreditación da súa idade.
O programa conta cun orzamento de 10 millóns de euros a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado 2023. As salas recibirán a contía da subvención dependendo do número de entradas vendidas con prezo reducido, segundo sexa a diferenza entre o seu prezo ordinario e o prezo reducido de dous euros, cun importe máximo subvencionable de tres euros por entrada. Unha vez concedida a subvención, o pago realizarase con carácter bimestral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.