Por Moncho Mariño | Santiago | 02/07/2023 | Actualizada ás 22:24
O persoal que compón a Inspección de Traballo iniciou unha folga o 26 de xuño pasado finalizando o paro o día 27 pola tarde. Os motivos alegados polas diferentes forzas sindicais foi “a utilización partidista” das reivindicacións dos e das inspectoras de traballo e o resto de traballadores e traballadoras deste organismo público. “Inspección de Traballo non son unicamente os inspectores e subinspectores senón tamén os e as funcionarias que desenvolven tarefas administrativas” di José Juan Fernández da CIG. Alén diso, os motivos da folga desconvocada o 27 de xuño e os paros levados adiante con anterioridade, tiñan como base reclamar os compromisos feitos pola Secretaría de Estado de Función Pública, entre eles elaborar unha Relación de Postos de Traballo (RPT) que reorganizara e adaptara a Inspección aos novos tempos, a entrada de máis persoal para afrontar as tarefas inspectoras, aumentar o persoal administrativo e a actualización dos sistemas informáticos.
ESTADO DA INSPECCIÓN
“Estamos diante dunha serie de incumprimentos como non ter reforzado Inspección despois do acordo de 2021, non ter feita a RPT tal como obrigaba a lei de 2015 para reforzar o cadro de persoal” di Miguel Ángel Montero, CSIF. “Se non incorporamos máis persoal Inspección quedará moi debilitada. Actualmente somos 900 inspectores e 1.200 subinspectores se reforzo ningún”. A carencia de persoal leva parella unha acumulación de casos que sobordan as capacidades do empregado público.
“Poden acumularse 60 expedientes nun mes e iso ralentiza a resolución dos mesmos” di Fernández, quen tamén apunta “a xente perdeu interese en realizar as oposicións para inspector e subinspector por seren moi duras e levar unha media de dous a tres anos para aprobalas”. Os rateos en España son, segundo as fontes sindicais, dun inspector para 30.000 traballadores, e un inspector para 3.000 empresas. No caso da UE as medias están un inspector por 10.000 traballadores, mentres que a Organización Mundial do Traballo reclama un inspector por cada 5.000 traballadores.
“Con estes rateos de traballo é imposible levar adiante unha tarefa inspectora en condicións e por tanto, irán a obxectivos mínimos” di Lola Panero de CCOO. “Estase a aumentar a carga de traballo mais non o aumento de persoal e tampouco hai unha suba nos orzamentos”. “Fálase de taxa de reposición desde o Goberno, non de aumentar o persoal” apunta José Antonio Rodríguez, de UGT. “Sendo un organismo autónomo, temos que autoxestionarnos, mesmo temos que facer nós as nosas nóminas por falta de persoal para levar adiante esa tarefa”.
ELECCIÓNS
“Desde a Secretaría de Estado de Función Pública hai unha falta de respecto cara os e as inspectoras de traballo, como estamos en período electoral ninguén quere coller o teléfono” di Miguel Ángel Montero. “A convocatoria de eleccións non debera paralizar as negociacións para levar adiante as reformas necesarias, mais a situación é de paro administrativo no Goberno” di Panero. “Non se entende o peche en banda do Ministerio de Hacienda, que é quen leva Función Pública, non ten interese en sacar adiante esta situación”.
“Estamos en período electoral, quen veña despois deste goberno pedirá 100 días de graza e así ver a que se enfronta” di Montero. Mais o indignante para os profesionais da Inspección de Traballo é que “xuíces e fiscais negociaron só en 15 días uns orzamentos de 48 millóns de euros cando nós, para a nosa RPT, tiñamos 20 millóns de euros”. Os xuíces e fiscais conseguiron nun brevísimo espazo de tempo o que a Inspección non acadou desde 2015.
“Tres días antes do 28M non se vai levar adiante RPT, debe ser que non queren ver como Yolanda Díaz sae nas noticias e colga as medallas” di Rodríguez. A afirmación de posibles problemas internos no goberno PSOE-Unidas Podemos-Sumar, aparece en todas as declaracións sindicais. As desavinzas, de existiren, confirmaríanse a finais de maio deste mesmo ano.
“Fomos convocados de urxencia polo secretario de Estado de Empleo, Joaquín Pérez Rey, para unha reunión en Madrid ás catro da tarde. A nós chamáronnos ás 11:30 da mañá. A reunión non podía ser telemática, tiña que ser en persoa” di José Juan Fernández. Pérez Rey pedira un prazo de tempo para que Función Pública enviase asinada a documentación para a RPT. “Na reunión Pérez dixo que estiveron esperando até o día anterior, que non atendían as chamadas, mais ás once e media da noite a secretaria de Función Pública avisa que non enviará ningún documento asinado”.
O por que desta actitude tivo por explicación que “se se asinaba un documento coma ese, unha RPT para Inspección de Traballo, toda a Administración pública reclamaría unha solución semellante” di Fernández. O Goberno estaría entón enfrontando un conflito laboral na Administración de dimensións importantes e de aí a que a oposición tirase rédito desa situación hipotética, só había un paso.
Cuestións políticas, desavinzas internas en gobernos de coalición, incumprimento de leis aprobadas hai oito anos e as eleccións do 23X, levaron finalmente a unha situación de parálise na mellora de condicións laborais para Inspección de Traballo. Gañe quen gañe as eleccións ou quen sexa quen goberne, vai ter por diante esta tarefa ademais da de dar resposta a toda a Administración do Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.