Ata 56 ambulancias coas rodas picadas no primeiro día e medio de folga no sector, segundo o 061

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias restrinxe o conflito laboral a un asunto "estritamente privado" entre empresas e sindicatos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2023 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 contabiliza decenas de sabotaxes a ambulancias durante o primeiro día e medio da folga, entre eles 56 vehículos coas rodas picadas que foron substituídos "no menor tempo posible". Son datos que recolle o 061 nun comunicado difundido aos medios co balance de incidencias desde o arranque dos paros ás 00,00 do xoves e ata as 12,00 do mediodía deste venres, 7 de xullo, segúnda xornada da folga.

En total, sempre segundo cifras da fundación pública, houbo picadas nas rodas de 56 ambulancias con base en Baiona, Negreira, Carballo, Pontevedra, Oleiros, Noia, Tui, Padrón, Arbo, A Guarda, Sada; Santiago, Redondela e A Cañiza (en tres ocasiones), Nigrán (en catro), Ponteareas (en sete), A Coruña (oito) e Vigo (17).

Ademais, o 061 informa de "actos vandálicos" como pintadas no exterior dos vehículos ou, mesmo, o corte dos cintos de seguridade no caso da ambulancia con base na Estrada e outra en Vigo. Estes feitos sumaríanse a episodios similares de días pasados, antes de que arrincasen os paros.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias insiste en condenar "firmemente" estas sabotaxes e chama a ter un "comportamento responsable e consecuente" durante as protestas. A primeira convocatoria desta folga, para a que o 061 ten uns servizos mínimos do 100%, durará ata as 23,59 horas deste venres, pero aínda hai prevista unha segunda os días 19, 20 e 21 de xuño.

Os sindicatos convocantes reclaman un novo convenio colectivo con subidas salariais referenciadas ao IPC, mellores condicións, un aumento do persoal de entre o 30% e o 40%, así como da frota de vehículos, entre outros asuntos. No medio deste conflito, o 061 lembra que as diferenzas nesta negociación constitúen un asunto "estritamente privado das empresas do sector e das organizacións sindicais".

Ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias de Galicia.. URXENCIAS SANITARIAS-061
Ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias de Galicia.. URXENCIAS SANITARIAS-061 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta