Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2023 | Actualizada ás 14:10
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 denunciou que unha vintena de ambulancias apareceron coas rodas picadas durante a xornada deste sábado, un día despois de que concluíse a convocatoria de folga no sector.
Ante estas circunstancias, o 061 insiste en "condenar firmemente as sabotaxes realizadas" contra ambulancias asistenciais da Rede de transporte sanitario urxente, "mesmo en datas como este sábado, nas que non existía convocatoria de folga".
En concreto, segundo as cifras achegadas polo 061, detectáronse rodas picadas en ambulancias con base nos concellos de Ordes, Sada, Tomiño, Vimianzo, Vilalba, Santiago, Carballo, Pontevedra, O Porriño, Baiona, A Coruña (en catro ocasións) e Vigo (en seis ocasións). En todos os casos, remarca, todos os vehículos foron substituídos "no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade".
A Fundación Pública lembra que a negociación do convenio colectivo de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia de Galicia constitúe "un asunto estritamente privado, das empresas do sector e das organizacións sindicais con representación nas mesmas, que debe ser compatible co respecto aos bens e ás persoas".
RECLAMACIÓNS
Os sindicatos convocantes reclaman un novo convenio colectivo con subidas salariais referenciadas ao IPC, mellores condicións, un aumento do persoal de entre o 30 % e o 40 %, así como da frota de vehículos, entre outros asuntos.
A primeira convocatoria desta folga, para a que o 061 mantivo uns servizos mínimos do 100 %, concluíu ás 23.59 horas deste venres, pero hai prevista unha segunda os días 19, 20 e 21 de xullo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.