Por Galicia Confidencial | Ortigueira | 19/07/2023 | Actualizada ás 11:04
Os Carecos, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Covagueira puxeron o ramo o domingo 16 de xullo a unha edición "astronómica" do Festival de Ortigueira nunha xornada final e despois dunha semana seguida de música en rúas, prazas, e escenarios da alameda, a igrexa ou o teatro.
Unha completa programación cultural e musical na que os máis de 100.000 visitantes gozaron novamente das diferentes propostas da música Celta. Os concertos de Elefant Sessions o martes, Rura e Startijenn o venres, Le Vent du Nord e Four Men and a Dog o sábado 15 --os máis multitudinarios, xunto coa Escola de Gaitas de Ortigueira-- e os devanditos da xornada final deron boa mostra do éxito de público e da calidade das propostas.
Merchandising case esgotado ou supermercados sen existencias, son as primeiras impresións dos hostaleiros da localidade que dan fe das elevadas cifras de afluencia de público.
Os obradoiros e cursos de fotografía documental da rúa, baile bretón, asturiano e galego, esgotaron as prazas dispoñibles semanas antes da celebración do festival, demostrando a implicación e participación co festival de nenos e maiores.
A boa convivencia entre persoas de diferentes partes de dentro e fóra das nosas fronteiras, o civismo e o respecto ao medio por parte da mocidade na zona de descanso en Morouzos foron outros dos aspectos para destacar, segundo a opinión recollida aos propios usuarios, que desexan repetir, esperando xa a edición de 2024.
Os concertos na igrexa e o teatro de fusión galego-irlandesa, con público desbordando a capacidade do teatro de beneficencia, e a feira de artesanía e as exposicións de fotografías “Berpizu” e “A través do noso obxectivo” complementaron a programación cultural do festival.
E finalmente, un dos momentos máis esperados foi como é habitual o domingo 16 pola mañá co gran desfile de bandas das nacións celtas, acompañado durante todo o percorrido desde ambas as beiras das rúas por veciños e visitantes, cuxa masiva afluencia colapsou por momentos o movemento na vila e arredores.
En palabras da organización a xeito de resume, "oito días que supuxeron un novo éxito asistencia, ambiente e calidade musical e cultural nos diversos espazos e rúas de Ortigueira".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.