Por Gabriel Rei-Doval | Cabo Mendocino (California, USA) | 31/07/2023 | Actualizada ás 09:00
Trala intensa ruta onírica nocturna saín cedo cara a Cape Mendocino, a Fisterra de California. A estrada bordeaba a Ría de Humboldt ata o xardín botánico e comezaba a elevarse sobre o nivel do mar onda Humboldt Bay National Wildlife Refuge. Sen dubidalo, desbotei as oportunidades da amigable Fortuna e tomei a saída de Mattole Road a unha estrada cachazuda de fochancas e contracurvas interminables, como viaxando cincuenta anos atrás por corredoiras galegas de pavimento irregular e chapapote regañado.
Ó pasa-la vitoriana Ferndale o servizo de estradas de California fíxome parar mentres reasfaltaban unha vía polo demais con escaso tráfico. Baixei a xanela dereita para pregunta-la razón das incómodas obras e unha operaria de trazos aztecas, curvas prominentes e cabelo malva ourizo cacho limitouse a responder “We’re waiting for the big one”.
Trala sísmica resposta reabriuse o carril esquerdo e as velas de Auris despregáronse pola serpenteante ruta de Cabo Mendocino. De súpeto, acendeuse a luz da reserva de combustible e comecei a matinar na distancia que mediaría ata a seguinte gasolineira.
O pacífico ronsel das rutas de aviación seguía paralelo á costa e con temores enerxéticos a miña atención desprazouse da codia ó cerne terrestre, onde movementos telúricos silenciosos sosteñen sempiternas ameazas na imprevisible falla de Santo André. Mais optei por prioriza-lo presente inmediato: a escarpada liña da costa californiana onde o azul oceánico reflectía un cromatismo aéreo de azuis diversos e bandas deseñadas de branco aeronáutico. E a estrada enfiou un último descenso ata a ribeira marítima.
Parei xunta a dous mozos de cabelos hippies e ollares espiroides que fitaban o océano a tempo completo. Sendo os únicos humanos en varias millas pedinlles un suvenir fotográfico que cortou o seu absorto ollar mariño. Keith e Derian achegáronseme con permanente sorriso labial, camiñar torpe e ollos avermellados, tomaron entre gargalladas o meu móbil e tiráronme dúas imaxes onda a costa.
Todo o seu círculo de relacións vivía no Emerald Triangle, que abranxe os condados de Mendocino, Trinity e Humboldt. Nos anos 70, a vaga hippie fixara poboación naquela costa de mar bravo e costumes relaxados e, canda a legalización da marihuana para fins medicinais vinte anos despois, instaláranse na zona, ademais de Keith e Derian, unha chea de búlgaros, romaneses e estadounidenses, en particular trala aceptación da substancia para usos recreativos en 2016.
Indaguei no devezo por fitaren a costa e maila súa posible relación con prácticas meditativas, mais Keith clarexou lacónico o seu obectivo: “Mind Surfing”. Ó meu abraio silencioso respondeu Derian afirmando que cando o mar era livián gozaban do surf en cadansúa táboa de ula; porén, cando o brío das ondas impedía saír acudían á costa para practicaren Mind Surfing.
Interesáronse polo meu mapeo corporal Vipassana, mais eles preferían o cultivo e a meditación marihuánica. E cando afirmei inxenuo a súa substancia ser máis liviá ca o peiote ou a ayahuasca, as súas gargalladas estouraron como surf mental en martes de novembro.
Unha frauta nativoamericana sopraba na distancia mesturada coas ondas do Pacífico, e pensei que era tempo de integra-lo Mind Surfing camiño de Petrolia, onde a evasión mental debía deixar paso á procura de combustible nas agrestes paisaxes do occidente californiano.