Puy (PPdeG) pide que as "minorías que baixaron en votos" non condicionen o Goberno

Admite un "sabor agridoce" e salienta os "excelentes resultados" en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 24/07/2023 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, apelou este luns, tras o "complexo" escenario derivado do 23J, a que sería necesaria unha lectura "en termos de responsabilidade institucional e sentido de estado" para "tentar que minorías que baixaron en votos non condicionen o Goberno de España", sobre todo cando "os dous partidos centrais" (PP e PSOE) viron "un claro reforzo" nas súas posicións.

A "alternativa", suxeriu, sería un "acordo de estado" que permitiría un goberno dirixido por quen foi o máis votado --Alberto Núñez Feijóo-- "sen ter dependencia de ningunha das forzas minoritarias que son extremas". Con todo, admitiu que, tras escoitar ao candidato do PSOE, Pedro Sánchez, os populares non son "optimistas" sobre esta posibilidade.

Así o trasladou na rolda de prensa deste luns, na que admitiu "unha sensación agridoce". E é que, aínda que o PP galego obtivo "uns excelentes resultados e reforza posicións", hai "grandes incertezas" no ámbito estatal, co foco posto en que o candidato socialista, Pedro Sánchez, tentará previsiblemente ser investido co apoio dos partidos independentistas.

En todo caso, en clave de análise e aínda que o Goberno estatal poida quedar sometido "ao voto e opinión" das formacións soberanistas, Puy destacou que Galicia "respondeu moi ben" á proposta de que Alberto Núñez Feijóo fose presidente do Goberno. Tamén defendeu que o PP en España "gañou" cunha subida "moi relevante" de escanos, subiu a porcentaxe de votos e obtivo a maioría absoluta no Senado.

"Hai poucos casos nos que un partido dos básicos en España obtivese unha subida de respaldo tan importante", proclamou, antes de engadir que, en consecuencia, Feijóo "gañar o dereito" a tentar ser el quen lidere o Goberno.

E FEIJÓO SEN VOX?

Puy foi preguntado acerca de se cando fala da perda de apoios de minorías refírese a Vox e se cre que o PP debería deixalo fóra nun hipotético intento de formar goberno, ao que respondeu que os datos reflicten que as minorías "perderon peso tanto pola extrema dereita como a esquerda, e no ámbito soberanista".

Aínda así incidiu noutros matices. Por exemplo, en que Sánchez para poder gobernar non necesitaría do apoio de "algunha desas forzas", senón de "todas á vez". "Non é o mesmo; estamos a falar dunha amlagama moi ampla desde o punto de vista ideolóxico, desde forzas máis conservadoras a forzas que están máis no extremo esquerdo", argumentou.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, en rolda de prensa
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta