Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2023 | Actualizada ás 21:21
O fundador de Urovesa, José Sierra Fernández, nado en Viveiro (1941) faleceu este luns. Creou en 1981 esta compañía especializada en deseño e construción de vehículos todoterreo civís e militares, con sede en Santiago de Compostela e cuxa planta de produción está situada en Valga.
URO Vehículos Especiais SA é provedora do Ministerio de Defensa desde o ano 1984. Actualmente, conta con clientes de máis de 30 países de diferentes continentes.
Precisamente, este mes de xullo concedéuselle o premio Empresario Galego do Ano no marco da xornada 'O Encontro 2023', organizada polo Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga).
A fábrica de Valga (Pontevedra) chega a producir uns 5.000 vehículos ao ano en función dos contratos en curso, nun centro que combina áreas de dirección, deseño e I+D+i, ademais dunha pista de probas. As instalacións de Santiago de Compostela albergan o seu departamento de postventa.
Este martes, 25 de xullo, haberá velorio de José Sierra a partir das 19.00 horas no compostelán tanatorio de Funeraria Apóstolo. O xoves, 27 de xullo, terá lugar unha misa funeral no convento de San Francisco ás 19.00 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.