Por E.P. | Rianxo | 25/07/2023 | Actualizada ás 18:48
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, interveu no acto do Día Nacional de Galicia que os socialistas celebran en Rianxo, onde fixo un chamamento a "protexer a autonomía galega das forzas reaccionarias que foron derrotadas o domingo" nas urnas e que "ameazan coa involución e o retroceso" en dereitos e liberdades.
Formoso, acompañado do portavoz municipal dos socialistas rianxeiros, Óscar Rial, depositou a tradicional ofrenda floral diante do busto de Castelao do Paseo da Ribeira, en Rianxo, antes de pronunciar un discurso no que ratificou o compromiso do PSdeG "co progreso e o benestar" de Galicia, e co seu idioma, o galego, "unha lingua milenaria" que apelou a "protexer e preservar" para "transmitila activamente ás próximas xeracións".
Do mesmo xeito, expresou a "empatía" dos socialistas co autogoberno galego, e coa figura de Castelao, a quen o PSdeG-PSOE "acompañou" na frustrada tramitación do Estatuto de 1936, "que non apoiou a dereita".
"Compromiso que os socialistas volveron reeditar en 1981 co apoio ao Estatuto de Autonomía hoxe vixente, que neste caso non foi apoiado polo nacionalismo radical. Fomos a única forza política que estivo comprometida", remarcou, cos dous procesos estatutarios. De feito, reformar o Estatuto é unha idea á que, segundo remarcou este 25 de xullo, non renuncia o PSdeG.
O líder do PSdeG tamén aludiu ás eleccións xerais do pasado domingo. "Cos seus votos a cidadanía impediu a involución e o retroceso", dixo, antes de engadir que "gañou a política útil, a política que foxe de posicións radicais e traballa por construír un país mellor, dotando de maiores dereitos á maioría social que conforman en gran parte as clases medias e traballadoras".
Os socialistas, agregou, axudaron a manter "firme o temón" e a definir "o rumbo de toda Europa". E nesta liña, celebrou que hoxe os veciños de Francia, de Holanda ou de Alemaña "dormen máis tranquilos" sen a "ultradereita" asentada no Goberno de España.
REFORMA ESTATUTARIA
No acto do PSdeG celebrado por 25 de Xullo en Rianxo Participou un centenar de persoas, entre elas varios membros da dirección galega do partido, como o propio Formoso; a vicesecretaria xeral e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o secretario de Organización, José Manuel Lage; así como o secretario de Política Municipal, Alberto Varela.
Tamén estiveron presentes os secretarios provinciais de Lugo, José Tomé e de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino. Formoso non deixou pasar a oportunidade do acto de Rianxo para volver reivindicar a necesidade de avanzar nunha reforma do Estatuto de Galicia co fin de "polo ao día" tras 42 anos.
"Non podemos seguir mirando como nos adiantan outras comunidades autónomas, alcanzando máis competencias, mentres nós, que eramos unha autonomía de primeira, seguimos lastrados polo inmobilismo e a parálise", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.