Valeulle a pena ao Concello de Vigo pagar 611.000 euros polo concerto de Alejandro Sanz?

Non pouca xente se percatou de que cantar non cantou tanto, pois en moitas cancións coñecidas xiraba o micro para que cantase o público ou cedía o protagonismo á súa banda de música.

Por Galicia Confidencial | VIGO | 29/07/2023 | Actualizada ás 03:31

Comparte esta noticia

Un día despois de que o cantante madrileño de prestixio internacional Alejandro Sanz actuase no auditorio natural de Castrelos, en Vigo, e coa emoción e os nervios xa calmos, é hora de reflexionar sobre a actuación e facerse unha pregunta: valeulle a pena ao Concello de Vigo pagar a frioleira de 611.000 euros ao cantante para que accedese a dar este concerto?

Auditorio de Castrelos, en Vigo, cheo polo concerto de Alejandro Sanz, a 27 de xullo de 2023
Auditorio de Castrelos, en Vigo, cheo polo concerto de Alejandro Sanz, a 27 de xullo de 2023 | Fonte: GC

A resposta inmediata para calquera fan probablemente sexa si, pero dende Galicia Confidencial queremos ir un paso máis aló e analizar toda unha serie de factores: dende a súa actuación ata a influencia para a cidade. E cal é a nosa conclusión? Pois vamos a deixar que a saques ti mesmo. 

O pasado xoves o parque de Castrelos estaba a rebentar. Non había nin un oco onde meterse pasadas as oito da tarde, nin sentado nin de pé, con visibilidade cara o escenario. Houbo xente que fixo acampada ata 72 horas antes do concerto e, a maioría, chegou dende primeiras horas da tarde para asegurarse un sitio na parte de atrás do anfiteatro (nas gradas xa non cabía nin unha agulla e a pista está reservada para aqueles que pagan o prezo da entrada simbólica: 5.000 persoas).

Era espectacular (á vez que abafante) ver todo o parque cheo de persoas de todas as idades, dende maiores ata mozos que recoñecen o talento dunha das figuras máis grandes da música española a pesares de estar na época do reggaeton e do trap. Só por esa imaxe pódese dicir que pagou a pena, tal e como dixo o alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, cando saltou á palestra a facer o que máis lle gusta facer: de teloneiro, ante un público que cifrou en 90.000 persoas.

Auditorio de Castrelos, en Vigo, cheo polo concerto de Alejandro Sanz, a 27 de xullo de 2023
Auditorio de Castrelos, en Vigo, cheo polo concerto de Alejandro Sanz, a 27 de xullo de 2023 | Fonte: GC

Toda esta xente pode ser que fixese gasto económico na cidade... Ou pode que non. Se ben moitos eran visitantes que puideron comer ou tomar algo nun dos bares e restaurantes cercanos, ao ser Castrelos un lugar de concertos informais, no que non hai rexistros nin se prohíbe a entrada ao recinto con comida, tamén pode ser que optasen por facer picnic e levar un bocadillo e unhas augas para o seu 'campamento'.

Ademais, outra gran parte do público de seguro estaba composta por vigueses que, atraídos polo sonoro do anuncio dun gran concerto, se achegaron curiosos ata a zona e logo marcharon para as súas casas sen facer gasto ningún. Pode ser que algunha auga ou refresco, algunha bolsa de palomitas ou de gominolas, caese nos postos de venta que se instalaron no recinto, pero con precios máis altos do normal (como soe acontecer neste tipo de eventos) habería que comprobar canto éxito tiveron.

CANTOU MÁIS O PÚBLICO QUE O ARTISTA

No que respecta á actuación como tal... Alejandro Sanz volveu demostrar por que é quen é, gañador de 24 Grammys Latinos e de 4 Grammys estadounidenses, con máis de 25 millóns de discos vendidos. Mostrou unha voz espectacular que puxo de manifesto que por moitos anos que pasen o talento non se perde cando é verdadeiro. Poucas cordas vocais son capaces de aguantar algunhas das súas notas, e el, unha vez máis e ante un auditorio abarrotado, fixo gala da súa capacidade vocal en non poucas ocasións.

Sen embargo, ben é certo que tampouco rematou sudando 'a gota gorda', como soe dicirse. Se a canción duraba tres minutos, el cantaba un e os outros dous dividíaos entre os coros que lle facía o público e a súa banda, que cobrou un protagonismo inusitado. De feito, hai que destacar que mesmo ao comezo da actuación presentou un a un a todos os integrantes do equipo musical.

Así, as partes menos coñecidas de cada tema, nas estrofas, eran cantadas con forza por el (que non sempre tampouco), mais ao chegar a parte do retrouso a tónica xeral era volver o micro cara o público e pedirlle que cantase. A cámara centrábase entón nas primeiras filas do auditorio, onde había xente que se deixaba a gorxa para crear un eco escoitado en todo o parque. A ritmo de 'Corazón partido' ou de 'No es lo mismo', entre moitas outras, os fans dábano todo.

Pero esta estratexia de 'que cante o público' non pasou desapercibida na parte de atrás de Castrelos, onde había moita xente que comezaba a comentar que ao Alejandro Sanz dos discos pouco se lle estaba a ver. Tamén criticaba que o tempo entre canción e canción facíase moi dilatado e a introdución do espectáculo fora moi longa, durando algo máis de cinco minutos ata que saiu por fin ao escenario.

Finalmente, outro dato a comentar é o feito de que a pesar de que Abel Caballero o presentou como "o mellor artista do mundo" e un cantante "detrás do que levamos moito tempo para traelo a Castrelos", Alejandro Sanz no seu saúdo ao auditorio dixo que "non sei quen é o responsable (de que estivese alí), pero apuntádeo por aí", ilusionado de estar en Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Non a todo o mundo lle senta ben Miami... O malo é que para dar a volta cómpre falar con Facenda ! Cando a vida convírtese en negocio, as emocións esmorecen... non si...?