Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2023 | Actualizada ás 13:50
A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) prevé 878.000 desprazamentos por estrada en Galicia na operación especial 'Primeiro de Agosto', que comezou o pasado venres día 28 e estenderase ata o vindeiro martes 1 de agosto ás 24.00 horas.
A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, supervisou este luns, no Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, o desenvolvemento deste operativo no que, só na provincia da Coruña, están despregados máis de 200 axentes. Nela, están previstos 285.250 movementos, o 25 % do total da comunidade galega.
Na súa intervención, Rivas pediu prudencia e responsabilidade ao volante para frear a sinistralidade e reducir o número de vítimas no mes que se produce o maior volume de desprazamentos por estrada de todo o ano. Así mesmo, lembrou que o que vai de 2023 nos viarios da provincia da Coruña rexistráronse 15 accidentes mortais con máis de 15 vítimas, seis menos que no mesmo período de 2022.
Durante a fin de semana, segundo especificou a subdelegada, produciuse o maior número de deprazameentos. Non entanto, para a tarde deste luns e a xornada do martes espérase de novo un alto volume de tráfico nas principais estradas da provincia, con máis intensidade de tráfico na AP-9, a A-6 e a N-550.
HORAS MÁIS CONFLITIVAS
A maior afluencia de vehículos producirase este luns entre as 18.00 e as 23.00 horas, onde a principal dificultade producirase na entrada e saída dos grandes núcleos urbanos.
Para este martes día 1, está prevista tamén unha grande intensidade na circulación en sentido saída e entrada dos grandes núcleos urbanos polo comezo da tempada turísticas en hoteis e segundas residencias. As horas máis conflitivas serán entre as 08.00 e as 18.00. Por este motivo, a DGT recomenda "na medida do posible" evitar esta franxa.
Para este operativo, en toda Galicia están activas 340 cámaras de vixilancia e 409 estacións de tomas de datos, así como 523 paneis de mensaxes variables en tempo real para unha condución segura. Rivas agradeceu o "esforzo" de todos os equipos da DGT para "garantir a seguridade e optimizar as estradas".
Nesta presentación, a subdelegada estivo acompañada polo director do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, Ramiro Martínez; pola xefa provincial de Tráfico, Vitoria Gómez; e polo xefe do subsector de Tráfico da Coruña, o capitán da Garda Civil, Miguel Soldán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.