A mina de Touro-O Pino segue vertendo residuos contaminantes ás augas, chegando ata o río Ulla

O 30 de xullo de 2018 a Consellería de Economía, Emprego e Industria, tras unha inspección da concesión de explotación da mina por parte de Cobre San Rafael, remitiulle un requirimento para o tratamento e control de augas que debía cumprir nun prazo máximo dun mes. Xa van alá cinco anos e aínda non hai visos de que se faga.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 01/08/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cinco anos dan para moito: viaxar, namorarse, desnamorarse, cambiar de traballo, ascender, mercar unha casa, ter un fillo... Sen dúbida ti xa non eres o mesmo que eras fai cinco anos, a túa mentalidade vai cambiando, ao igual que o teu físico. Entón, credes que hai algunha cousa que non sexa posible mudar en cinco anos? Moi poucas, verdade? Pois vámosvos dicir unha: a contaminación que os residuos dos traballos de explotación de cobre na mina de Touro está xerando nas augas próximas.

Río Pucheiras despois de pasar pola balsa mineira do Vieiro, coa auga tinguida de cor marrón ou branco dependendo do día
Río Pucheiras despois de pasar pola balsa mineira do Vieiro, coa auga tinguida de cor marrón ou branco dependendo do día | Fonte: Plataforma de afectados

Nestes momentos, tal e como expoñen dende a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON, é o río Pucheiras o que está a sufrir un maior maltrato, a pesares de tratarse dun río que forma parte do Plan Director da Rede Natura 2000. Este río desemboca no Brandelos e, de alí, chega ao río Ulla, polo que ao final os residuos pasan dun a outro e chegan moito máis lonxe das inmediacións da propia mina.

Foi o 11 de xullo do ano 2018 cando a xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria realizou unha inspección da concesión de explotación da mina de Touro por parte da empresa Cobre San Rafael. As cousas non deberon ir moi ben, porque como consecuencia desa revisión remitiuselle un requirimento o 30 de xullo do mesmo ano, só dezanove días despois, que debía cumprir como máximo no prazo dun mes.

PROXECTO DE DRENAXE, TRATAMENTO E CONTROL DE AUGAS

Neste requirimento esixíaselle á empresa concesionaria da explotación, Cobre San Rafael, presentar un Proxecto de drenaxe, tratamento e control de augas, no que aparecesen obrigatoriamente varios puntos. Entre eles, un estudo hidrolóxico xustificativo do seu dimensionamento e as instalacións de xestión de augas (de tratamento, humedais, canles de vertido, arquetas para toma de mostras... con especial énfase na separación das augas da choiva das augas da explotación).

Tamén se pedía que figurase nese proxecto de drenaxe a modificación do sistema de xestión das augas, incorporando os efluentes de Angumil (Rozas), Portapego e Felisa ao oco de Vieiro, garantindo a supresión das saídas de auga dende a zona de Arinteiro. Por outro lado, debía especificarse a metodoloxía de control de calidade das augas superficiais e subterráneas e das instalacións necesarias empregadas (a súa periodicidade e parámetros de control).

Finalmente, nun último punto do requirimento falábase de xustificar especificamente no proxecto que a corta de Vieiro ten capacidade para incorporar os efluentes que se prevé bombear ao seu interior sen que se produzan vertidos ao exterior nin se deterioren as características físico-químicas das augas de Vieiro. En caso de non poder, pedían coñecer o prazo necesario para que se puidese garantir isto.

MEMORIA TRIMESTRAL CON RESULTADO DA ANALÍTICA NOS PUNTOS DE VERTIDO

Así mesmo, máis alá dese estudo, esixíaselle á mina presentar unha memoria trimestral sobre seguimento e control das augas na que se incluísen os resultados da analítica das augas nos puntos de vertido; detalles e valoración da analítica das augas no período (especificando que a mostraxe do punto de vertido de Bama debe ser, cando menos, quincenal); un informe de situación das infraestruturas de drenaxe, canalización, control e acondicionamento das augas; detalles de medidas correctoras adoptadas no periodo; e un plan de control de calidade das augas subterráneas na contorna da explotación.

Todas as memorias trimestrais deberían ser logo incorporadas á Memoria Ambiental Anual, do Plan de Labores. Adicionalmente, fronte á Consellería de Economía, Emprego e Industria debía presentar unha solicitude formal para obter do organismo de conca as autorizacións pertinentes para o desenvolvemento da súa actividade, no prazo de 40 días (tanto as relativas á zona de Arinteiro como á de Bama).

No aviso enviado a San Rafael aparecía a observación seguinte: "Recordámoslle que a inobservancia dos requirimentos da inspección de minas é unha infracción tipificada na Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia". Despois de cinco anos as augas contaminadas seguen a verter aos ríos. E alguen fixo algo? Pasoulle algo á empresa? Pois non. Será que a lei só funciona nalgúns casos e noutros esquécese.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta