Reabre a lagoa de Baldaio, en Carballo, para restaurar o fluxo de auga entre o humidal e o mar

O obxectivo con isto é garantir o equilibrio do ecosistema.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 01/08/2023 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou este martes a lagoa de Baldaio, en Carballo, despois de que a Xunta recibise o aviso de peche deste humidal e decidise proceder á súa apertura para restaurar o fluxo de auga e garantir o equilibrio do ecosistema.

Segundo informou a Xunta, a vicepresidenta segunda explicou que, aínda que o nivel de auga non é crítico, tomouse a decisiónde actuar porque a acumulación de area na conexión do humidal co mar é importante. Deste xeito, despois de analizar a táboa de mareas, procedeuse a comezar os traballos de retirada de area á primeira hora da mañá para reducir a afluencia de público no momento da apertura.

O humidal da lagoa de Baldaio, que está incluída na ZEC Costa da Morte, formouse na parte posterior dunha gran barreira de area que percorre a praia da contorna. Esa barreira litoral tende a reter as augas pluviais e de escorrentía procedente do continente e tamén regula un fluxo profundo entre estas e as augas mariñas.

Desde a súa inclusión na Rede Natura 2000, tal e como detallou o Goberno galego, o humidal sufriu distintas actuacións tanto para mellorar as súas características ecolóxicas e paisaxísticas, como para racionalizar o uso marisqueiro.

ALIMENTACIÓN MIXTA

O humidal segue sendo de alimentación mixta, mantendo a conexión permanente ou case permanente co mar a través da antiga "presa" existente nun dos extremos, que carece agora de comportas, e pola que se produce o fluxo superficial de augas mariñas e continentais entre o mar e o humidal, e cuxo fluxo se ve favorecido polo control da presa interna, e pola existencia dun pozo profundo próximo á mesma.

A permanencia de auga determina a presenza de distintos tipos de ecosistemas característicos dos humidais litorais de augas con diferente grao de salinidade.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, na lagoa de Baldaio, en Carballo
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, na lagoa de Baldaio, en Carballo | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta