Por Europa Press / Redacción | FERROL | 02/08/2023 | Actualizada ás 17:42
A zona do porto de Ferrol acolle esta fin de semana, de venres a luns, unha nova edición da Feira medieval, que cambia de escenario con respecto a pasadas edicións debido ás obras que se están acometendo na rúa San Francisco.
O concelleiro de Festas, Arán López, acompañado de Brais Otero, xerente da empresa encargada de organizar esta feira, A fábrica dos manxares, presentaron na mañá deste mércores a proposta lúdica que congregará a máis dun centenar de postos de artesanía e gastronomía repartidos pola zona portuaria.
López detallou que "esta feira contará con talleres de corda, de ferrería, de pintura, xunto con monicreques para os máis pequenos, música en directo, pasarúas e moitos espectáculos que forman parte desta oferta lúdica". Ademais, para garantir a mobilidade e evitar problemas de estacionamento, porase a disposición do público un servizo de buses lanzadeira desde FIMO. O percorrido será desde FIMO ata a mesma feira, e chegará ata a praza de Galicia, para realizar daquela o percorrido inverso.
Pola súa banda, Brais Otero destacou que este ano se fará "unha aposta forte, con tres grupos de música, catro de animación, ademais de espectáculos de gran formato todas as noites". Así mesmo, haberá un campamento medieval, escola de cabaleiros gratuíta para os nenos e diferentes atraccións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.