Cunha madrugada na que se superaron os 20 graos en moitas zonas de Galicia, comeza unha xornada de alerta amarela

O concello das Neves notificou unha temperatura de 24,6 graos pasadas as 2.30 da madrugada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 07/08/2023 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

Boa parte da metade sur da provincia de Pontevedra rexistrou na madrugada deste luns, 7 de agosto, temperaturas máximas superiores aos 20 graos, con algúns municipios mesmo por encima dos 23. Segundo os valores máximos de Meteogalicia, a marca da noite tívoa o concello das Neves, onde a estación meteorolóxica de San Nomedio notificou 24,6 graos pasadas as 2.30 horas da mañá. Sobre esa hora, Fornelos de Montes rexistraba tamén 24 graos.

Dúas persoas camiñan por unha vía en plena onda de calor, a 12 de xullo de 2022, en Ourense
Dúas persoas camiñan por unha vía en plena onda de calor, a 12 de xullo de 2022, en Ourense | Fonte: Rosa Veiga

Ademais, o porto de Vigo notificou 23,9 graos pasadas as 2.00 da madrugada e a estación de Castrove, en Poio, marcaba 23,6 pouco antes das 3.00 horas. Do mesmo xeito, no Rosal, os medidores situados nas Eiras notificaba 22.9 graos ás 2.10. Estas foron as primeiras horas dunha xornada na que se agarda un notable ascenso de temperaturas que provocará unha alerta amarela na tarde deste luns por valores superiores aos 36 graos na zona do Miño en Ourense.

Por cidades, prevese que a capital das Burgas alcance un pico de 38 graos, mentres que Pontevedra estará na contorna dos 35 e Vigo, nos 34. Pola contra, espéranse máximas de 29 en Santiago, de 28 en Lugo, de 26 na Coruña e de 25 en Ferrol. Até as 10.00 da mañá, as temperaturas máximas rexistradas xa superaron os 22 graos en puntos do sur de Pontevedra, e os 20 nas comarcas coruñesas da Barbanza e Muros e en municipios da fronteira entre a provincia de Ourense e Portugal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta