Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2023 | Actualizada ás 14:09
O BNG rexistrou no Parlamento galego unha serie de iniciativas para favorecer a "participación" da Cámara con respecto ás propostas para os futuros usos do Pazo de Lourizán, en Pontevedra.
Neste contexto, o deputado nacionalista Luís Bará reclamou que "se tome medidas urxentes para reverter a deterioración e desmantelamento do histórico Centro de Investigacións Forestais de Lourizán". "A Xunta debe garantir a máxima transparencia e participación na definición dos usos futuros do Pazo e a Leira de Lourizán", expresou Bará.
Ademais, profundou nas medidas que considera que son para "garantir o uso e a xestión pública do espazo fronte á tentación de que empresas privadas do sector forestal utilicen o espazo para lavar a súa mala imaxe".
Por outra banda, advertiu que "hai unha posibilidade" de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estea "a preparar unha pista de aterraxe para Ence, algo que xa tentou no seu día e que se frustrou pola oposición do goberno da Deputación BNG-PSOE, que nese momento era titular do espazo".
Segundo un comunicado do Bloque, explicaron que "no proceso deben participar o tecido social, as comunidades de montes, as entidades ambientalistas, o sistema universitario galego, o Concello de Pontevedra, os sectores da cadea de valor do monte e persoas expertas en diversos ámbitos relacionados coas funcións que deberá cumprir o enclave".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.