Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/08/2023 | Actualizada ás 14:15
O FICBUEU celebra este 2023 a súa 16ª edición coa proxección de 89 curtametraxes dunha trintena de países do cinco continentes, entre o 8 e o 23 de setembro. Segundo informaron nun comunicado, do total de curtos, 28 participan na sección oficial do Festival. Poderán verse entre os días 11 e o 17 de setembro no Auditorio do Centro Social do Mar de Bueu.
Os curtos a competición presentaranse en dúas sesións de proxeccións que terán lugar ás 19,30 horas e ás 21,30 horas e haberá un coloquio con cineastas en cada sesión. As películas a concurso están producidas ou co-producidas en 21 países do cinco continentes, de China a Mongolia, pasando por Somalia ou Islandia.
CINEMA GALEGO
Ademais, o festival elixiu este ano catro curtos producidos ou dirixidos en Galicia (Ulises, de Félix Brixel; o documental Ruovesi, de Andrea Zapata-Girau; Alicia fai cousas, de Anxo Santos; e Sandwich Cat, curto de animación de David Fidalgo) para competir na sección oficial.
A programación inclúe ademais media ducia de curtos de novos creadores de Galicia no espazo denominado 'GZ_00', que poderán verse o domingo 10 xunto aos traballos seleccionados para as seccións de 'Escolas Internacionais' e 'Descubertas'.
O Premio Cinema Galego FICBUEU será este ano para a actriz coruñesa Luisa Merelas. Destacan que o recibe pola súa "importante traxectoria en televisión, no teatro e no cinema, e polo seu compromiso coas producións e a cultura galegas". Merelas participou en series como Pratos Combinados, Mareas Vivas ou Fariña e películas como Os luns ao sol ou As bestas.
ACTIVIDADES EN PARALELO
Dado que, tal e como remarcan, un dos obxectivos do festival é "a divulgación da cultura, especialmente da cinematográfica", o FICBUEU contempla unha serie de actividades paralelas como o 'II Xornadas Cinematográficas' ou a sección 'Retrospectiva', dedicada nesta edición ao cineasta neerlandés Joris Ivens (1898-1989).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.