Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2023 | Actualizada ás 15:45
O deputado do BNG Daniel Castro acusou ao Goberno que dirixe Alfonso Rueda de "falta de transparencia" e de "obstaculizar" o acceso dos deputados e deputadas do BNG "á información á que teñen dereito" en base ao artigo 9 do regulamento do Parlamento de Galicia.
"A Xunta incumpre sistematicamente o regulamento porque segue sen entregar moita da documentación que se lle require, habendo hoxe máis dun centenar de solicitudes sen resposta", apuntou o deputado, quen tamén criticou que, naqueles casos nos que si hai resposta, "a miúdo falta transparencia" porque non se atende ao que realmente solicitan os deputados, "dificultando así o seu traballo como representantes do pobo".
Esta non é a primeira vez que o BNG denunciou o "comportamento pouco democrático" do Goberno do PP no que se refire ao acceso á información.
De feito, o Bloque xa presentou no mes de febreiro unha queixa formal ante a Valedora do Pobo, que nunha resolución do pasado mes de xuño dirixiuse á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia advertindo que non se proporcionou a información "nun bo número das iniciativas" presentadas e lembrándolle o dereito dos deputados a acceder á información.
Daniel Castro denuncia agora que, aínda que aumentou o número de solicitudes contestadas por parte da Xunta ao Bloque, "en moitas ocasións falla a calidade das respostas, porque ou se remite a algunha ligazón de páxinas web que non achegan nada, ou a información que facilitan non é a solicitada ou mesmo nas súas respostas chegan a pór deberes aos deputados e deputadas", lamenta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.