Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2023 | Actualizada ás 17:14
O comité técnico do mosquito tigre celebrou este venres a súa primeira reunión para controlar a poboación desta especie identificada en Moaña (Pontevedra) a través da plataforma cidadá Mosquito Alert, coa que colabora a Rede Galega de Vixilancia de Enfermidades Transmisibles por Vectores (ReGaViVec), integrada polas Consellerías de Sanidade e Medio Rural, ademais das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo.
Á reunión asistiron profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública do ámbito da epidemioloxía e sanidade ambiental, investigadores expertos en entomoloxía da USC e Uvigo, profesionais da área de Gandaría da Consellería de Medio Rural, representantes de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, do 112-Galicia, da área sanitaria de Vigo e da xefatura territorial de Sanidade, da Delegación do Goberno en Galicia e do Concello de Moaña como municipio implicado.
Así, tras a confirmación por parte dos entomólogos da aparición de oito exemplares de mosquito tigre, decidiuse aumentar o número de trampas para concretar en Moaña a zona onde está presente actualmente.
RECOMENDACIÓNS PARA A CIDADANÍA
Ademais, o comité técnico difundirá unha serie de pautas para a poboación, centradas como mínimo na comarca do Morrazo.
Por unha banda, para evitar a picadura do mosquito tigre, aconséllase o uso de repelentes específicos que se poden atopar nas listaxes de produtos autorizados polo Ministerio de Sanidade e pola Axencia Española do Medicamento, ademais de recomendar vestir con manga e pantalóns longos e calzado pechado ou colocar mosquiteras en portas e xanelas.
No que respecta a evitar a proliferación do mosquito Aedes albopictus, a forma máis efectiva é evitar a posta de ovos e o crecemento de larvas. Para iso, débense eliminar puntos de auga estancada como bebedoiros, pratos baixo macetas, caldeiros á intemperie ou embarcacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.