A Xunta destina 7,7 millóns de euros en formación para 16.000 persoas empregadas en 2023 e 2024

Nesta convocatoria o alumnado pode realizar dúas formacións de maneira simultánea.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2023 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

A Xunta destinará preto de 7,7 millóns de euros para formar a unhas 16.000 persoas empregadas no período 2023-2024. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade notificou esta semana as axudas concedidas a centros e entidades de formación profesional co fin de desenvolver preto de 700 accións e dar resposta ás demandas de cualificación do mercado laboral.

Segundo destacou o Goberno autonómico, esta convocatoria supera nun 40 % o orzamento de 5,5 millóns de euros da anterior e reformula algúns criterios para incentivar especialidades formativas con maior demanda, a diversificación territorial do alumnado e a variedade dos cursos. Ademais, bríndase a opción de que o alumnado realice dúas formacións da convocatoria de maneira simultánea. A Xunta sinalou que este plan formativo está dirixido prioritariamente a persoas empregadas, situación laboral que se determinará ao comezo da formación.

Con todo, cando unha alumna ou alumno pase á situación de desemprego durante os cursos, poderá seguir participando neles. Así, poderán beneficiarse da acción as persoas traballadoras ou socias das empresas da economía social que acheguen actividade económica, tamén autónomos e autónomas, e mesmo persoal afectado por medidas temporais de suspensión de contrato (como Ertes) ou dun expediente de regulación de emprego (ERE), motivadas por causas económicas, técnicas, organizativas, de produción ou de forza maior.

A Xunta mantén unha reserva para que tamén poidan participar nas mencionadas acciones persoas traballadoras desempregadas, ata un límite do 30 % do número de participantes. Nesta nova convocatoria, a Administración autonómica considera como colectivos prioritarios ás mulleres, ás vítimas de violencia de xénero, aos menores de 30 anos ou maiores de 45, persoas traballadoras a tempo parcial, emigrantes retornados e persoas inmersas en ERTE. Como en edicións anteriores, manterase o apoio ás actividades formativas co 100 % do alumnado con discapacidade.

Alumnos dun centro de FP
Alumnos dun centro de FP | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta