Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/08/2023 | Actualizada ás 14:23
Varios representantes políticos e autoridades de Galicia felicitaron a través de redes sociais á selección española feminina de fútbol polo pase á final do Mundial de Australia e Nova Zelandia, tras a vitoria ante Suecia.
Un dos primeiros en destacar esta "histórica clasificación" foi o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen de feito mencionou o especial papel da pontevedresa Teresa Abelleira, xogadora do Real Madrid, no encontro deste martes.
"É unha alegría tamén para todos os galegos e galegas contar coa representación de Teresa Abelleira nesta vitoria", escribiu Rueda nunha mensaxe en redes que lle serviu para desexarlle á selección "moita sorte" para que o domingo poida facerse co ouro.
Tamén o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, fíxose eco da vitoria española fronte a Suecia e confesou quedarse "sen palabras" co partido. "Grazas por facernos gozar tanto", expresou, tamén con mención á xogadora galega.
Ademais, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, cualificou de "espléndido" o partido de Abelleira: "Un orgullo para Pontevedra e un orgullo para o país!".
A rexedora da Coruña, Inés Rey, tamén destacou o "orgullo" que lle produce a Selección Feminina con esa "gran noticia para a historia do fútbol" que supón o pase á final do mundial. "A dalo todo o vindeiro domingo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.