Por Gc Tendencias | Compostela | 27/04/2015 | Actualizada ás 18:08
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acollerá en maio, xuño e setembro Enocións by Ribeiro, ciclo patrocinado pola D.O. do Ribeiro que explora a relación entre as emocións do Camiño, o mundo da arte e a cultura do viño.
O ciclo, polo que pasarán artistas como Guadi Galego, Pepe Solla ou Carlos Blanco, celébrase con motivo da exposición Camiño. A orixe, aberta ao público no Museo Centro Gaiás ata o 13 de setembro. Con esta actividade, a D.O do Ribeiro mistura ‘enoloxía’ e ‘emocións’ obtendo o novo concepto de ‘enocións’, co que subliñar a súa relación histórica co Camiño.
A primeira xornada terá lugar o xoves 7 de maio ás 19 horas e contará co actuación de Guadi Galego e cun pase de fotografías de Xurxo Lobato. Os participantes gozarán dunha visita guiada á exposición e dunha cata de viños do Ribeiro. As entradas están a venda en online en www.ataquilla.com e físicamente na tenda A Reixa en Santiago.
Pepe Solla, un dos cociñeiros galegos máis coñecidos, un dos fundadores do Grupo Nove e propietario dun restaurante cunha estrela Michelin, será o protagonista da segunda sesión, prevista para o xoves 11 de xuño. A presentación irá acompañada de música electrónica da man de Dj Analïs, na que a selección de ritmos buscará unha conexión cos viños.
Será o humorista Carlos Blanco o encargado de pechar Enocións by Ribeiro o xoves 10 de setembro cunha sesión onde o humor, a alegría e o optimismo serán as emocións protagonistas. Todas as sesións contarán con visitas guiadas á exposición e cunha cata de viños, neste caso maridada coa retranca do brillante cómico de Arousa.
A D.O. Ribeiro é unha das institucións colaboradoras da exposición Camiño. A orixe, unha mostra na que o Museo Centro Gaiás recupera a través dunha selecta escolma de obras de arte a historia de cómo empezou o que hoxe é un fenómeno universal: o Camiño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.