Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2023 | Actualizada ás 18:03
A Mesa pola Normalización Lingüística trasladou que espera que o uso do galego nas institucións da Unión Europea e no Congreso sexa só un primeiro paso para "achegarse" ao cumprimento das indicacións do Consello de Europa sobre o uso das linguas propias na xustiza, administración ou ensino, ao aumento das cotas de uso das linguas na Lei Audiovisual e ao "fin da permisividade nas infraccións, en concreto en TVE".
"Garantir iguais deberes e dereitos en todas as linguas son tarefas pendentes que se deben solucionar nesta lexislatura e que non se poden cinguir aos avances anunciados respecto do seu uso na UE e o Congreso", remarcou o presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira.
A principal asociación de defensa do galego lembra, tamén, que en febreiro de 2021 foi debatida no Congreso unha proposición a instancias de todas as entidades sociais de defensa das diferentes linguas do Estado que desenvolvía o manifesto conxunto 'Igualdade lingüística: liberdade, pluralidade e democracia'.
Rememorou que nel se contemplaban, entre outras cuestións: igualar dereitos e deber para todas as linguas respecto ao español; e permitir e facilitar o uso das diferentes linguas en todos os organismos e administracións do Estado.
Tamén se incidía na capacitación en linguas propias do persoal de todas as administracións públicas, incluída a de xustiza, o seu uso xeneralizado nas páxinas oficiais e o seu recoñecemento a nivel internacional e paridade co castelán; pór fin "á imposición legal exclusiva do castelán na normativa estatal, que afecta de maneira frontal ao ámbito económico e singularmente á etiquetaxe"; ou emprender "unha política decidida para finalizar coas discriminacións lingüísticas".
"Esta proposición debe ser o punto de partida de calquera acción que realmente pretenda avanzar na igualdade e oficialidade real de todas as linguas diferentes ao español", finalizou Maceira, co foco en que é preciso traballar para "erradicar discriminacións" no seu uso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.