Acción Climática alerta dun incremento das emisións de gases invernadoiro en Galicia e urxe medidas

"As emisións de gases de invernadoiro causantes do cambio climático ascenderon a 19.096.905 toneladas en 2021, o que supón un crecemento do 3,3 % con respecto a 2020". "O maior incremento, do 19,9 %, rexistrouse no transporte", alertan.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2023 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

O Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) alertou dun incremento das emisións de gases invernadoiro en Galicia e urxe medidas, en liña con outro comunicado emitido pola organización ecoloxista Arco Iris. Segundo o Observatorio Galego, de acordo cos datos extraídos polo inventario de emisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica, os datos oficiais indican que as emisións en Galicia "volveron aumentar en 2021, despois de tres anos consecutivos de descenso".

"As emisións de gases de invernadoiro causantes do cambio climático ascenderon a 19.096.905 toneladas en 2021, o que supón un crecemento do 3,3 % con respecto a 2020". "O maior incremento, do 19,9 %, rexistrouse no transporte", remarca. A iso, suma as emisións da industria (7,3 %) e as conxuntas de fogares, comercios, institucións e sector primaria asociadas a uso de enerxía fósil (5,6 %) fronte ao descenso das emisións do sector enerxético (16 %), "por cuarto ano consecutivo".

"A pesar diso, este sector segue sendo a chave na nosa descarbonización pois aínda supón o 14,6 % das emisións totais". "Os catro maiores emisores industriais en 2022 pertencen ao sector enerxético", apostila. Por outra banda, incide en que "Galicia debería diminuír as súas emisións un 65 % en 2030 en comparación con 1990" e lembra que a Xunta elevou o seu obxectivo "ao 55 %, pero non concretou aínda unha folla de ruta".

Mentres, desde Arco Iris afirman que "a invasión eólica non conseguiu reducir" as emisións de gases de efecto invernadoiro e engade que os datos "non deixan en bo lugar a España". Ademais, solicita a publicación urxente dos datos de emisións estatais en "o portal PRTR" e reprocha tanto ao Goberno central como á Xunta unha "obsesión" por "expandir" enerxías renovables que, engade, "non se traduce en melloras ambientais e, por tanto, ten que ser cualificada como fracaso absoluto".

Unha muller cun cartel pola contaminación
Unha muller cun cartel pola contaminación | Fonte: Alejandro Martínez Vélez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta