O número de viaxeiros no transporte público galego crece un 17 % no primeiro semestre do ano

O autobús interurbano, de competencia autonómica, sumou 2,65 millóns viaxes máis que o ano anterior.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2023 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O transporte público de titularidade da Xunta rexistrou máis de 18 millóns de viaxeiros no primeiro semestre do ano, un 17 % máis que no mesmo período de 2022. Os datos do primeiro semestre avaliados, que avanza este luns a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, "constatan o avance continuado na recuperación da demanda de transporte público, tras a caída desde o inicio da pandemia da covid-19".

Neste sentido, o autobús interurbano, de competencia autonómica, sumou 2,65 millóns viaxes máis que o ano anterior, cando empregaran o servizo 15,5 millóns. No que vai de 2023, os autobuses da Xunta atenderon cada mes máis de 3,02 millóns de usuarios, fronte aos 2,58 millóns de media mensual na primeira metade de 2022.

Para a Xunta, o crecemento das cifras de viaxeiros débese principalmente ao aumento dos usuarios xerais, non escolares, que creceron no primeiro semestre un 30 % con respecto ao mesmo período de 2022, superando os 11,8 millóns fronte aos case 9,1 millóns do ano anterior.

Cabe destacar tamén o aumento do uso do transporte compartido por parte de usuarios non escolares, que pasou de 385.000 viaxeiros no primeiro semestre de 2022 a máis de 445.000 no mesmo período deste ano. Sobre a evolución por provincias, na Coruña é onde máis creceu a demanda, cun 22 % máis de viaxeiros. Ademais, é tamén na que máis usuarios empregan o autobús interurbano, un 54 % do total de Galicia. No resto das provincias, o crecemento dos viaxeiros foi dun 11 % en Lugo, dun 7 % en Ourense e dun 14 % en Pontevedra.

INCREMENTO TGM E XENTE NOVA

Nesta liña, a Xunta destacou que esta recuperación da demanda vén acompañada dun incremento do uso dos Cartóns de Mobilidade de Galicia, TMG e Xente Nova, que dan acceso aos descontos e bonificacións activados pola Xunta. Co cartón Xente Nova, os menores de 21 anos poden viaxar gratuitamente nos autobuses interurbanos de competencia autonómica.

Ademais, a Xunta detallou que de xaneiro a xuño pagáronse con cartón o 79 % dos billetes dos usuarios non escolares, fronte ao 67 % do mesmo período do ano pasado. O pago con cartón supuxo que na primeira metade do ano a administración autonómica bonificase máis de 9,3 millóns de viaxes aos usuarios non escolares. Dos máis de 18 millóns de viaxeiros que empregaron os autobuses, só un 14 % pagou o billete en efectivo.

Imaxe dun autobús urbano
Imaxe dun autobús urbano | Fonte: IVECO BUS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta