Por Galicia Confidencial | Ribadavia | 23/08/2023 | Actualizada ás 09:00
Conta atrás para a Festa da Istoria de Ribadavia, un dos eventos de recreación medieval máis senlleiros de Galicia e da Península Ibérica que o vindeiro ano alcanzará a súa 35ª edición.
Días atrás xa se deu a coñecer o gañador do cartel que representa graficamente a imaxe da festa deste ano 2023. O autor do deseño foi Diego Gil Hernando, veciño de Burgos.
Unha das novidades deste ano foi a actividade previa que tivo lugar o pasado sábado 19. Un exitoso Scape Room no Castelo de Ribadavia que, baixo o título de “A prisión dos sarmientos”, convocou aos participantes en grupos de 8-10 persoas e en tres pases dunha duración de 1h e 30 minutos. A inscrición foi de balde e a actividade foi desenvolvida pola OMIX (Oficina Municipal de Información Xuvenil) de Ribadavia dentro do proxecto europeo “Escape Depopulation”.
Outra novidade importante deste ano é que o Mercado Medieval da Alameda tamén estará aberto o domingo 27 de agosto. Este feito supón alongar a programación de actividades un día máis do habitual e grazas tamén á colaboración dos ‘Voluntarios da Istoria’. O horario de apertura será de 12:00 a 23:00 h.
O Xantar Medieval quedou pechado a novas reservas e o programa completo da Festa da Istoria pódese consultar na súa páxina web.
FESTA DE INTERESE TURÍSTICO INTERNACIONAL
A Festa da Istoria ten recoñecida xa a declaración de Interese Turístico Nacional, e este ano a organización ten todo preparado co obxectivo de acadar a de Interese Turístico Internacional. “Levamos traballando un par de anos nelo e esperamos podelo conseguir xa que cremos que este pode ser o momento pois para o ano cúmprese o 35ª aniversario e a festa ten máis que demostrado que perdura no tempo e ten un atractivo moi grande, ademais de festivo tamén cultural e turístico”, comenta Nacho, membro da organización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.