Por Galicia Confidencial | Xinzo de Limia | 01/09/2023 | Actualizada ás 09:00
Conta atrás para Alimagro 2023, un evento de referencia nacional que reúne as últimas novidades sobre o cultivo da pataca e a maquinaria agrícola. Nesta edición a Indicación Xeográfica Protexida da Pataca de Galicia terá presenza importante ao contar cun stand propio. O primeiro día celebrarase a Xornada Técnica da Pataca na Casa da Cultura, na que participará o presidente do Consello Regulador da IXP, José Manuel Gómez.
Ao longo da fin de semana, os asistentes poderán desfrutar dun programa no que se porá en valor a agricultura da comarca. A Indicación Xeográfica contará co seu stand, onde todos os visitantes poderán consultar información sobre as tres variedades que representan: a Kennebec, a Agria e a Fina de Carballo.
Na xornada do venres, participará o presidente da mesma na mesa redonda Novos retos para o sector da pataca, e na que tamén intervirán o Conselleiro de Medio Rural José González Vázquez, o representante sindical Roberto García González, o representante dunha empresa envasadora Juan Manuel Coello, o representante dunha cooperativa portuguesa Daniel Alves e a agricultora Mónica Míguez Bolaño. O acto contará coa moderación de Máximo Gómez.
COCIÑA EN DIRECTO E DEGUSTACIÓNS
Grazas ao patrocinio da IXP Pan de Cea, ese mesmo día ás 13:00, no stand de Pataca de Galicia no Pavillón, Víctor Burgos cociñará en directo diversas elaboracións con produtos galegos con indicativo de calidade. Ás 13:30, terá lugar a degustación das mesmas, acompañadas dun mariñado con viños das Denominacións de Orixe Monterrei e Ribeiro. A partir das 19:00 H., os produtores, operadores e a industria presentes en Alimagro ofertarán de novo a degustación do tubérculo producido baixo o selo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.