Por Europa Press / Redacción | FERROL | 31/08/2023 | Actualizada ás 14:37
Os niveis elevados de bacteria Escherichia coli, comunmente denominada E.coli, na praia da Graña, na ría de Ferrol, obrigaron ao concello ferrolán a recomendar temporalmente medidas restritivas para os bañistas.
Segundo as analíticas recentes que efectúa de maneira periódica a Xunta de Galicia nos areais da comunidade, os parámetros na citada praia ferrolá son superiores aos recomendados, xa que se atoparon 1300 NMP en 100 mililitros. Tal e como marca a lexislación vixente, é obrigatoria a instalación dun cartel no que se recomende, polo menos, "absterse do baño temporalmente por contaminación".
Coñecidos os resultados das mostras tomadas ao comezo da semana, a Xunta de Galicia xa efectuou unha nova analítica, cuxos resultados serán comunicados nos próximos días, mentres que os técnicos municipais da área de Medio Ambiente traballan na identificación das causas da contaminación.
CARABELAS PORTUGUESAS
No tocante á elevada presenza de exemplares de carabela portuguesa en varias praias de costa de Ferrol na xornada deste mércores, que obrigou a colocar a bandeira vermella, o servizo de socorrismo iniciouse este xoves sen apenas incidencias. De feito, só se detectou unha na Fragata, polo que de momento hai bandeira amarela na maioría dos areais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.