Por E.P. | Compostela | 01/09/2023 | Actualizada ás 14:12
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, iniciará o 2 de outubro as reunións cos alcaldes galegos que así o solicitaron e arrincará pola rexedora de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, coa que abordará a proposta da taxa turística para a cidade.
En declaracións aos medios tras visitar unha libraría no centro da capital galega, Rueda anunciou que a súa intención é que as reunións cos responsables municipais se celebren todas entre setembro e outubro.
Entre eles, apuntou, Goretti Sanmartín foi a primeira en solicitalo e é ademais a alcaldesa da capital de Galicia, polo que será a primeira á que se lle proporá unha data. Respecto da taxa turística, o líder do Goberno galego remarcou que é un "tema importante" sobre o que reclamou documentación "desde hai moito tempo". "Fai tres ou catro semanas foinos remitida, a principios de agosto. Hei de dicir que aproveitamos máis esas semanas que os sucesivos gobernos municipais para remitirnos unha documentación que nunca acaba de chegar", afeou.
Rueda indicou que chegará á reunión "cunha opinión formada, pero non resposta definitiva" para "tentar falar con coñecemento de causa". "É un tema importante que afecta a toda Galicia e que non ten ningún sentido telo aí sen tomar ningunha decisión, pero que hai que maduralo moito e metelo en contexto. O Concello debería ter unha postura definida sobre as vivendas de uso turístico...", apuntou.
Nesta liña, insistiu en que o turismo é "un tema para tomar moi en serio". "Tivemos un ano moi bo e eu pretendo seguir crecendo, pero crecer con sentidiños e de forma sustentable", defendeu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.