Interrupción voluntaria do embarazo a licitación: por que entregar diñeiro público a centros privados?

A Consellería de Sanidade anunciaba o 23 de agosto a licitación de interrupcións voluntarias de embarazos en clínicas privadas por tres anos, prorrogables a cinco. O prezo, sumados os cinco anos, sería de algo máis de 2 millóns de euros. Oposición e grupos sociais ven unha manobra privatizadora da Xunta, mentres que desde o executivo galego apuntan á falta de persoal e material para afrontar este tipo de intervencións.

Por Europa Press / Redacción | Santiago | 03/09/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O anuncio de licitación da práctica de interrupcións voluntarias de embarazo feito polo SERGAS o 23 de agosto pasado, fundamentábase nas “recomendacións” realizadas polo Consello de Contas de Galicia (CCG) nun dos seus últimos informes: 'Informe de fiscalización dos contratos-programa subscritos entre as Fundacións Sanitarias e o SERGAS'. En concreto, o CCG pedía melloras mediante o uso de pregos que regulen os sistemas de contratación pois, alegaba o Consello de Contas, até ese momento estábanse obviando a vía para a contratación pública. Resumindo, non existía a documentación pertinente nalgúns concertos coa sanidade privada. Cando a Consellería de Sanidade pon en coñecemento público a creación dun orzamento para interrupcións voluntarias de embarazo (IVE), partidos da oposición e colectivos pro-dereitos da muller acusaron ao goberno galego de desleixo con respecto á sanidade pública e tamén de non respectar o dereito das mulleres á libre elección sobre a súa maternidade

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. SERGAS - Arquivo
Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. SERGAS - Arquivo

A PARTE POLÍTICA

Oposición e colectivos sociais consultados por Galicia Confidencial consideran este anuncio como unha falta de respecto e desprezo aos dereitos reprodutivos das mulleres. Ademais, consideran que se está levando adiante unha privatización encuberta de servizos para os que a sanidade pública si está preparada para atender, mais o recurso á obxección de conciencia, a carencia dunha lista de especialistas obxectores e presuntas “presións” ao persoal sanitario, estarían fomentando a derivación de IVEs á sanidade privada.

“En febreiro deste ano sinalouse que o SERGAS tiña todos os recursos, entón por que agora esta licitación?” pregunta Noa Díaz do PSdeG. A resposta desde Sanidade foi a aparición de “urxencias” cando “temos 3.000 interrupcións de embarazo por ano, a maioría fanse vía farmacolóxica sen intervención cirúrxica”. Díaz observa unha cuestión ideolóxica detrás desta postura do departamento de Julio Díaz Comesaña. “Hai hospitais públicos con todo o equipo necesario para estas intervencións” mais en moitos casos os e as especialistas aducen obxección de conciencia para realizalas. “A última modificación da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, aprobada en febreiro de 2023 sinala que non pode haber centros públicos con todo o equipo sanitario para practicar interrupcións de embarazo declarándose obxector de conciencia”.

A deputada do BNG, Montse Prado, ve unha “vulneración dos dereitos das mulleres na sanidade e non garantir o texto da Lei de Saúde Reprodutiva, as mulleres teñen dereito a abortar na sanidade pública e en centros perto da casa”. Ademais disto, Prado remarca a falta de planificación por parte do goberno galego sobre a Sanidade Púbica. “Sen planificación sobre persoal e material poden xustificar a derivación a centros privados, como levan facendo durante estes últimos catorce anos, descapitalizando a sanidade pública”. O BNG rexistrou unha iniciativa para suspender a licitación anunciada  por Sanidade e tamén manifestaron a súa oposición á obxección de conciencia por parte dos facultativos entendendo que “unha prestación que figura na carteira de servizos non pode ser decisión dos profesionais se se aplica ou non”. Nese sentido reclaman a creación dunha listaxe de obxectores de conciencia ademais dun rexistro de porcentaxes sobre o número de IVEs feitos na pública e na privada.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. XUNTA | Fonte: Europa Press

A portavoz do PPdeG no Parlamento, Paula Prado, destaca que a decisión tomada por Sanidade respecto da licitación para interrupcións de embarazos responde “a unha recomendación do Consello de Contas (de Galicia) indicando que calquera contratación feita fóra do SERGAS, mesmo sendo puntual, ten que ser licitado”. A recomendación do CCG facíase logo de que o organismo fiscalizador detectase que a sanidade pública galega seguía utilizando a autorización temporal para contratar. Isto non obedecía aos termos de concorrencia, publicidade e igualdade de trato que se debe esperar dunha contratación pública.

A Consellería de Sanidade, pola súa banda, sinala que “Galicia realiza as interrupcións voluntarias do embarazo cos seu profesionais en case un 70% dos casos”. Así pois, segundo o departamento que dirixe Julio García Comesaña, a licitación anunciada non altera a prestación deste servizo no SERGAS. “Seguirá prestándose maioritariamente na sanidade pública e, de xeito ocasional, en centros privados que se rexerán a través dun contrato marco, tal e como esixe o Consello de Contas. De ningunha maneira esta licitación supón incrementar as IVES en clínicas privadas”.

PRIVATIZACIÓN?

O último punto sinalado no parágrafo anterior, a posibilidade de ir privatizando aos poucos partes da sanidade pública, é unha idea que non desartan completamente tanto partidos da oposición como asociacións en defensa dos dereitos das mulleres. “Vexo máis ben unha cuestión ideolóxica, aínda que habería que estudar cantas interrupcións se fan na sanidade pública e cantas na privada” apunta Noa Díaz. “Desde logo, non queremos falar de negocio, as derivacións xa se viñan facendo, mais veremos quen leva o concurso e os termos”. Outro punto sobre o cal é necesario investigar para o PSdeG son as contías que o SERGAS destinaba até o de agora para derivacións de IVEs. “Chama a atención o cambio de actitude do PP agora que negocia e goberna noutros lugares con Vox”.

“A solución a posibles faltas de medios e profesionais non pasa por deixar de dotar cos recursos necesarios á Sanidade Pública” aclara Montse Prado. “Os argumentos que usan desde o SERGAS caen polo seu peso e son inaceptables”. A parlamentaria do BNG sinala á análise realizada polo Consello de Contas “onde sinalaban falta de transparencia co uso de fórmulas para evitar dar detalles”. Prado engade que estamos diante dunha trampa dirixida á “privativación da sanidade pública” e que se está usando o poder en beneficio das externalizacións ou licitacións.

Sanidade contestou que a licitación busca responder ao casos onde o servizo público non poda realizar a IVE, por exemplo, “por decisión da propia muller ou por motivos de urxencia e non ter dispoñibles os quirófanos no prazo requirido”. Sobre o número de intervencións apunta que na área de Vigo o 100% das mesmas se fan na rede do SERGAS. Por outra parte, sobre o rexistro de obxectores, Sanidade anuncia que será o Consejo Territorial de Sanidad quen propoña as condicións para crear este rexistro. “ O sindicato CIG e o sindicato nacional de CCOO, en vez de apuntar a Galicia erroneamente como responsable, deben dirixir as súas críticas ao Ministerio de Sanidade, polo atraso nesta importante regulación”, relación ás críticas realizadas polas dúas forzas sindicais.

DEREITOS DA MULLER

Colectivos en defensa dos dereitos das mulleres e dos seus dereitos reprodutivos reclaman que a sanidade pública sexa quen recolla o 100% das IVEs, por iso consideran imprescindible que os servizos públicos estean dotados para dar a cobertura necesaria para atender as interrupcións voluntarias de embarazo e, por outra parte, a eliminación da obxección de conciencia en centros públicos.

“Os e as profesionais do SERGAS son persoal da sanidade pública e o que se está propoñendo é dificultar o dereito á interrupción voluntaria do embarazo” di Daisy Alcalde de O Soño de Lilith. Este colectivo observa un retroceso en dereitos que xa estaban asumidos pola sociedade. “Cada vez creo que estas posturas están menos ligadas a cuestións relixiosas e si a cuestións de extrema dereita que segue xente nova descoñecedora da historia dalgúns colectivos” di Alcalde.

“A decisión que tomou Sanidade favorece a aparición de obxectores de conciencia ou polo menos non se impide a súa proliferación” di Pilar Estévez da Plataforma Feminista Galega. “Por que se debe ter en conta a obxección de conciencia? Eses profesionais deben valorar criterios científicos e non morais”. Sobre as posturas políticas que poden estar influíndo en decisións como a do SERGAS, Estévez apunta que “están plasmando un sesgo ideolóxico nas políticas públicas seguindo as liñas que marca Madrid”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Se umha característica tem o capitalismo é a de ser parasitário, e hoje fortaleceu essa particularidade, sem ordenhar ao Estado nom existiria. O Estado e as suas adminitraçoes som as masseiras onde papam os lambons sanguessugas que som os capitalistas.