Dúas novas sendas peonís abertas en Ourense: unha en Montealegre e outra en Valdorregueiro

No caso da senda de Montealegre transcorre ao longo de 1,2 quilómetros, dando continuidade á beirarrúa que xa había e terminando na parada de autobús. Mentres, no caso de Valdorregueiro o itinerario ten un quilómetro de longo e comeza no cruzamento coa N-525 ata finalizar na ponte sobre o regacho de Valdorregueiro.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 01/09/2023 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou o impulso da mobilidade sustentable en Ourense, ao finalizar a administración autonómica dúas sendas peonís en Montealegre e Valdorregueiro, cun investimento de 1,6 millóns de euros.

A titular de Mobilidade supervisou hoxe os resultados dos traballos que dotaron de 2,2 quilómetros de itinerarios para o tránsito de peóns as marxes das estradas OU- 101 en Montealegre e OU-150 en Valdorregueiro. Ethel Vázquez detallou que no caso da senda de Montealegre transcorre ao longo de 1,2 quilómetros, dando continuidade á beirarrúa que xa había e terminando na parada de autobús. Mentres, no caso de Valdorregueiro o itinerario ten un quilómetro de longo e comeza no cruzamento coa N-525 ata finalizar na ponte sobre o regacho de Valdorregueiro.

Ambas as sendas están separadas da estrada por distintos elementos como vexetación ou bordos de sinalización e, ademais, complementáronse con outros traballos como a construción de nove muros de sostemento, a mellora de drenaxe, o reforzo de sinalización ou a instalación de novas marquesiñas de autobuses. Esta actuación foi financiada no marco do Eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia.

OUTRAS ACTUACIÓNS

"Con estas dúas sendas evidénciase que a Xunta, tamén en Ourense, avanza no impulso da mobilidade sustentable", manifestou Vázquez Mourelle, que avanzou un novo proxecto de itinerario peonil, cunha pasarela de 60 metros na zona de Valdorregueiro. Ademais lembrou que xa están asinados os contratos para os traballos da "gran senda peonil" que conectará a cidade de norte a sur; na Avenida das Caldas desde a intermodal ata a ponte romana e no paseo do Barbaña entre Os Remedios e Expourense. Así mesmo, indicou que o obxectivo da Xunta é comezar a finais do mes de setembro as obras na avenida das Caldas e en outubro os traballos no Barbaña para telos listos a finais do 2024.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisa as novas sendas peonís en Ourense
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisa as novas sendas peonís en Ourense | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta