Coimbra celebra a súa mostra de teatro galego coas actuacións de 12 compañías e artistas de Galicia

Durante o evento, no que colabora a Xunta de Galicia, haberá espectáculos, exposicións, talleres, lecturas dramatizadas, unha residencia artística e unha feira do libro galego, entre outras actividades.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2023 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

A mostra de teatro galego en Coimbra, Portugal, reunirá do 28 de setembro ao 7 de outubro a unha ducia de compañías e artistas de Galicia. Así, durante o evento, no que colabora a Xunta de Galicia, haberá espectáculos, exposicións, talleres, lecturas dramatizadas, unha residencia artística e unha feira do libro galego, entre outras actividades.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou este martes na presentación da mostra e agradeceu á organización do evento por abrirlle ao teatro galego "esta privilexiada porta de acceso ao público portugués". Dentro da amplitude do programa, Sutil remarcou a "importancia cultural" da implicación do Centro Dramático Galego na recuperación de 'Castelao e a súa época' no marco da estratexia de proxección exterior do teatro e da cultura de Galicia que realiza a compañía.

Así, o Círculo de Iniciación Teatral da Academia de Coimbra, acollerá na súa sede a lectura dramatizada da peza. A presenza de 'Castelao e a súa época' na mostra completarase cunha exposición fotográfica e unha mesa redonda na que participarán os profesores Xesús Alonso Montero e Antonio Mira Iglesias, entre outros.

ESPECTÁCULOS GALEGOS

O primeiro espectáculo galego que se poderá ver en Coimbra será 'O porco de pé' o 28 de setembro no Teatro da Preto de São Bernardo. Alí, o 1 de outubro subirase ao escenario Sarabela Teatro con 'Arraianos', o día 5 Contraproducións con 'Cigarreiras', e o día 7 Os Náufragos Teatro con 'Hugo'.

O quinto espectáculo galego do programa será 'Libre coma os paxaros', de Teatro do Atlántico, que se representará no Teatro Academia de Gil Vicente o día 7 de outubro e servirá como peche na xornada de clausura.

A presenza da escena galega completarase cos dous espectáculos de narración oral de Cándido Pazó e Quico Cadaval, cunha lectura dramatizada que dirixirá Ánxeles Cuña Bóveda e coa instalación performativa 'Sobre ese silencio', de Avelina Pérez. Pola súa banda, Carlos Santiago e Clara Gayo, xunto a Zé Paredes, actuarán na presentación do libro 'À mesa', entre outras actividades que se realizarán no evento.

Presentación da Mostra de Teatro Galego en Coimbra
Presentación da Mostra de Teatro Galego en Coimbra | Fonte: coimbra.pt

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta