Por Galicia Confidencial | Fene | 09/09/2023 | Actualizada ás 10:00
Segundo lembran dende o Museo do Humor de Fene, a finais de 1982, no contexto do Primeiro Seminario Galego do Humor celebrado no Museo Carlos Maside de Sada e baixo o acubillo de Isaac Díaz Pardo, un grupo de debuxantes de Vigo presentaba o proxecto editorial dunha revista galega de humor que se ía denominar “Can sen dono”.
A publicación foi unha realidade en 1983, ano no que ve a luz o seu número cero, coa dirección de Pepe Carreiro, coordinación de Gogue e edición de Antón Mascato. Desde esta data ate 1989 (e con 23 números publicados e catro extraordinarios), máis de medio cento de humoristas gráficos e tamén algúns humoristas literarios chegaron a participar nela.
Agora, corenta anos despois, o Museo do Humor Xaquín Marín disponse a homenaxear o labor de todos cantos fixeron posible que esta senlleira revista satírica galega saise á luz durante 7 anos organizando unha exposición conmemorativa.
EXPOSICIÓN 40 ANIVERSARIO
Este venres 8 de setembro, ás 20 horas, inaugurouse no museo fenés (Avda. de Conces, 20-22) a exposición “40º aniversario da revista Can sen dono”, promovida polo Museo do Humor Xaquín Marín e a Concellería de Cultura de Fene, coa colaboración da Biblioteca de Galicia (Xunta de Galicia). No decurso do acto, haberá unha charla na que tomarán parte algúns dos promotores do proxecto como Pepe Carreiro, director da publicación entre 1983 e 1989; Antón Mascato, editor da revista; ou Paco Oti, colaborador de Can sen dono e comisario da exposición. Tamén asistirán o alcalde de Fene, Juventino Trigo e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá.
Segundo Paco Oti: “a xuntanza do Primeiro Seminario Galego do Humor foi especial para nós, pois presentaba en sociedade un novo nacemento, o da revista Can sen dono, que a partir de 1983 conseguiu unificar e consolidar as profesións do humor gráfico e literario”.
Na exposición poderá verse unha compilación de debuxos orixinais, acetatos e recortes empregados na composición das páxinas da revista. Tamén se amosarán reproducións das vinte e tres portadas e dos catro especiais publicados de Can sen dono, xunto con correspondencia orixinal e referencias bibliográficas.
A mostra “40º aniversario da revista Can sen dono” poderase visitar no Museo do Humor Xaquín Marín de Fene do 8 de setembro ao 27 de outubro, en horario de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.