Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2023 | Actualizada ás 17:47
O Consello da Xunta deu este xoves o visto e prace á actualización do Calendario de inmunizacón ao longo de toda a vida, un programa que estará en funcionamento de forma íntegra desde o próximo 1 de outubro, data na que se iniciará a vacinación da poboación infantil fronte ao rotavirus.
Ata agora, a vacinación fronte ao rotavirus estaba indicada só para os prematuros nados en determinadas idades de xestación. Non entanto, a partir do 1 de outubro será sistemática para os nenos nados a partir do 1 de agosto de 2023, dado que a primeira dose adminístrase aos dous meses de nacer. O rotavirus é unha infección que afecta fundamentalmente a lactantes moi pequenos. A vacina adminístrase de forma oral e conta con dúas dose (aos dous e aos catro meses).
No novo programa de vacinación galego elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública destacan cinco novidades relativas á inmunización fronte ao herpes zóster, o neumococo, o meningococo, o virus respiratorio sinitial (VRS) e o xa mencionado rotavirus. Tal e como detallou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior á reunión semanal do seu goberno, para iniciar a posta en marcha deste novo calendario, a Administración autonómica ampliou varios contratos de vacinas vixentes.
Así, ademais dos 28,8 millóns previstos nos orzamentos para 2023, formalizou un novo contrato para adquirir por máis de 3 millóns de euros o anticorpo contra o virus respiratorio sincitial (VRS). De face ao ano 2024, o Executivo galego ten previsto alcanzar os 40 millóns de euros para levar a cabo o programa de vacinación.
Neste sentido, o próximo 25 de setembro tamén empezará a campaña fronte ao VRS coa inmunización de todos os nenos que nazan en calquera dos centros hospitalarios de Galicia. Así, a Consellería de Sanidade citará entre os días 2 e 15 de outubro a aqueles nenos nados desde o pasado 1 de abril de 2023.
As áreas sanitarias convocarán tamén desde o 25 de setembro aos nenos prematuros (nacidos desde o 1 de outubro de 2021), e aos nenos de alto risco (cardiopatías, displasia broncopulmonar, etc.) con menos de 24 meses. Esta previsto que se lle administre o anticorpo do VRS a máis de 15.000 nenos.
O próximo mes de outubro tamén será o momento no que se completen as incorporacións do programa galego de inmunización e a actualización das poboacións diana co inicio da vacinación fronte ao meningococo con serotipos ACWY.
Deste xeito, Galicia converterase na primeira comunidade autónoma na que se administra unha vacina de tipo tetravalente para facer fronte ao meningococo ao incorporar unha vacina que inclúe os serotipos ACWY, que substituirá á vacúa fronte ao meningococo C indicada aos 4 meses de idade. Os destinatarios serán os nenos e nenas nacidos a partir do 1 de xuño de 2023, empezando tamén a súa administración a partir do 1 de outubro.
A estas tres novas inmunizacións engádense as iniciadas o pasado mes de abril no novo calendario ao incluír a vacinación sistemática fronte ao herpes zóster para as persoas que cumpran 65 e 80 anos, e, máis recentemente, en xuño, tras substituír a vacina conxugada fronte ao neumococo 13-valente pola 20-valente, cuxos destinatarios son as persoas de 65 anos e os grupos de risco maiores de 18.
MELLORAS DO EQUIPAMENTO NOS CENTROS DE SAÚDE
Por outra banda, o Consello aprobou a contratación, por un período de dous anos mediante acordo marco cun único empresario, da subministración sucesiva de equipamento electromédico e mobiliario clínico con destino a centros de atención primaria do Sergas. O valor estimado dos contratos é de 17.621.888 euros.
O investimento inclúe 126 retinógrafos, 184 ecógrafos portátiles con intelixencia artificial integrada, 480 sistemas de monitorización ambulatoria da presión arterial, e 508 dispositivos multidiagnóstico de monitorización automatizada de constantes vitais para centros de atención primaria das sete áreas sanitarias de Galicia. Tamén se inclúe mobiliario clínico consistente en máis de 2.000 padiolas de transporte, de exploración xeral, de fisioterapia e de exploración xinecolóxica.
CENTRO DE DÍA EN PONTEAREAS (PONTEVEDRA)
Na súa reunión semanal, o Goberno galego tamén deu luz verde a un convenio de colaboración coa Asociación de Persoas con Discapacidade do Condado e Paradanta (Adapta) por valor de 700.000 eurospara acometer obras de mellora e ampliación no seu centro de día, terapéutico e ocupacional de Ponteareas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.