Por Europa Press / Redacción | FERROL | 07/09/2023 | Actualizada ás 17:51
O responsable do sindicato CIG nas Pontes, Alberte Amado, asegurou que "a día de hoxe non hai un cronograma pechado sobre cales serán os prazos" para desmantelar a central térmica que a empresa Endesa ten nesta localidade coruñesa. Así o trasladou o sindicalista despois de manter na mañá deste xoves en Madrid un encontro con representantes da compañía enerxética e do Ministerio para a Transición Enerxética.
Segundo Amado, "faltan prazos administrativos" por parte da Xunta e do Concello das Pontes e queda por clarificar se a cheminea principal do complexo é declarada Ben de Interese Cultural (BIC), algo que, como resaltou, "limitaría a dispoñibilidade de chan industrial". No tocante ao ámbito laboral, Amado trasladou que Endesa "di que tratará de achegar ao persoal desprazado da empresa principal a Galicia", mentres que as empresas auxiliares, "segue mantendo o compromiso" con que participen no proceso de desmantelamento, así como en actividades de "formación" e "proxecto futuros".
PROXECTOS
"Por parte de Endesa maniféstase que a día de hoxe o proxecto de hidróxeno está fóra de xogo, xa que os parques eólicos que tiñan ligados para a produción non recibiron a concesión para poder instalarse", afirmou o responsable da CIG sobre os proxectos ideados para instalarse nas Pontes.
Sobre as liñas de evacuación, lamentou que o ministerio ofreza "unha resposta pouco convincente, escusándose en termos técnicos" para algo que desde hai tempo é "algo básico" e que suporá a perda dos 1.400 megawatts da planta "a día de hoxe". "Ese concurso é a garantía de reindustrialización do territorio. Eses concursos obrigarían a eses proxectos que se quixesen instalar, en base nesa poxa, cousa que non existiría agora e só son promesas empresariais", engadiu.
Por último, detallou que "si que é certo que de aquí van saír varias reunións, e tentarase concretar que tanto Endesa como o Ministerio de Transición Ecolóxica acheguen máis", sobre todo no ámbito laboral, "para dar garantías, sobre todo á industria auxiliar, para que o procedemento se solape e non teñan que ir ao desemprego".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.