Sanxenxo pecha o verán co seu particular microclima no medio da alerta por treboadas en Galicia

O domingo foi unha xornada aínda mellor se cabe que a do sábado, sen chuvias e cunha temperatura media que se elevou ata os 20,7. Mentres que a máxima despegou en algo máis dun grao, ate os 24. As mínimas foron as máis elevadas de toda a comunidade: 17,2 graos.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 11/09/2023 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Sanxenxo, a capital do turismo por excelencia nas Rías Baixas, experimentou un final da tempada estival inmellorable: no medio da alerta por treboadas que pesaba sobre toda a comunidade gallega, neste acolledor municipio pontevedrés non se notaron as abundantes chuvias (só caeron algunhas pingueiras da noite do venres cara o sábado) que inundaron moitas outras poboacións galegas ao longo da fin de semana, nin as ondadas de frío a altas horas da madrugada.

Sanxenxo esta fin de semana do 9 ao 10 de setembro de 2023
Sanxenxo esta fin de semana do 9 ao 10 de setembro de 2023 | Fonte: GC

Coas últimas rabexadas do verán, entre moitos chiringuitos que pechaban portas e cunha disminución notable do turismo estranxeiro, a praia de Silgar acollía esta fin de semana atípica a centos de bañistas que, mentres media Galicia sacaba o paraugas e as botas de auga, desfrutaban dun chapuzón no entorno da Madama e poñíanse morenos baixo un sol que nas principais horas do mediodía chegaba a abrasar.

Segundo os datos de Meteogalicia, Sanxenxo rexistrou algúns dos mellores valores de toda a comunidade ao longo da fin de semana. Así, o sábado, día 9, a temperatura media no municipio foi de 19,7 graos, chegando a máximas de 22,7 graos. Pero, sen dúbida, o mellor de todo foi a temperatura mínima, pois durante a noite non baixou dos 17 graos, o que facía que os numerosos visitantes do lecer nocturno sanxenxino (moitas despedidas de solteiro/a) desfrutasen das discotecas e dos pubs sen necesidade de moito abrigo, unha chaquetiña bastaba.

Pola súa banda, o domingo, día 10, foi unha xornada aínda mellor se cabe, cunha temperatura media que se elevou un grao con respecto ao sábado, chegando ata os 20,7. Mentres que a máxima despegou en algo máis dun grao, ate os 24. De feito, a imaxe de contrastes nas prendas de vestir dos visitantes era moi notoria: dende aqueles que ante as malas previsións climatolóxicas auguradas paseaban con botíns e manga longa (abafándose) ata os que cun simple bañador e unha camisa fresquiña vivían os últimos días do verán galego. 

Durante a noite do domingo, novamente rexistráronse en Sanxenxo as mínimas máis elevadas de toda Galicia: 17,2 graos. Os apartamentos turísticos e os hoteis da zona lucían como en pleno agosto con varios hóspedes que aproveitaban os balcóns para desfrutar dun mar en calma e unha noite estrelada entre os ocos que deixaban as escasas nubes que chegaran a última hora da xornada á costa sanxenxina.

Sanxenxo esta fin de semana do 9 ao 10 de setembro de 2023
Sanxenxo esta fin de semana do 9 ao 10 de setembro de 2023 | Fonte: GC

Ben é sabido que Sanxenxo goza dun microclima con máis horas de sol e unha temperatura superior á do resto da comunidade, e nesta ocasión volveu a demostralo. No verán, a media é de 24 graos (chegando ata os 30 nos días de máis calor), mentres que o promedio anual é de 15 graos, algo totalmente inusual nun clima atlántico coma o noso, caracterizado polas baixadas acusadas de temperaturas durante o inverno. A súa orientación cara o sur protexe á vila dos fríos ventos do norte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta