Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/09/2023 | Actualizada ás 14:47
O presidente da Xunta e líder dos populares galegos, Alfonso Rueda, tamén estará na gran mobilización que o seu partido convocou para o domingo, 24 de setembro, en Madrid en contra das "supostas" cesións que Pedro Sánchez está facendo aos independentistas cataláns para a súa investidura.
"Pero como é posible que o PP organice unha gran protesta en contra dunha suposta investidura que aínda non está convocada porque a única investidura prevista é a do líder do seu partido?. Como se pode protestar por supostas cesións a Sánchez se quen vai á investidura é Feijóo?". Foi a pregunta que se lle fixo este xoves a Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. "Os que están negociando non queren contalo e o que se sabe é o que se está filtrando. Por iso hai moita preocupación", contestou.
"E se foran conversas transparentes pois todo o mundo sabería ao que aterse pero todos sabemos do que estamos falando porque o señor Puigdemont xa o dí e hai que reaccionar porque nos queren impoñer unha amnistía inxusta", respondeu Rueda asegurando que por iso el tamén apoia esta nova estratexia do seu partido e acudirá a esa protesta de Madrid. Con todo, o seu partido tamén organizará un acto esta fin de semana en Santiago en contra das supostas cesións de Sánchez.
Unha mobilización da que xa falou, antes que ninguén, o ex presidente do Goberno español, José María Aznar, a pesar que a dirección popular desvincule esta protesta dos desexos do ex mandatario popular. "Ninguén pode molestarse porque a xente queira protestar que é o que pide el", apuntou Rueda esquivando tamén esa suposta inxerencia de Aznar nas decisións do PP.
Neste sentido, saíu en defensa da estratexia de Feijóo e negou que exista diferencias sobre a mesma. "Eu enteno os movementos que fai Feijóo e outra cousa é a confusión que queiran introducir dende o outro lado para que non haxa investidura", dixo.
AMNISTÍA OU DESIGUALDADES?
Con todo, Rueda mantivo dúas versións sobre esta protesta. "Non é contra a amnistía senón por romper a igualdade fundamental que temos que ter todos os pobos de España", dixo ao inicio das preguntas sobre este tema. "É porque non se lle pode dar máis a algúns e outros teñamos que perder", indicou en alusión as negociacións de Sánchez. "O PSOE está perdendo a rúa porque está máis nos despachos", engadiu.
Sobre a protesta en Madrid, o presidente galego dixo que non ten coñecemento de como vai ser. "Hai xuntanzas internas pero neste momento non sei máis datos", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.