Baltar rexeita pronunciarse sobre a investigación por suposto financiamento ilegal do PP de Ourense

"Ningún comentario sobre iso, grazas", foi a resposta obtida polos informadores de parte do ex presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, quen agora é senador.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 15/09/2023 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, rexeitou pronunciarse sobre a existencia dunha investigación por suposto financiamento ilegal no partido na provincia. A Fiscalía de Ourense abriu dilixencias penais de investigación polos audios e mensaxes publicadas polo medio o pasado 27 de maio, nos que o irmán do expresidente da Deputación ourensá, Manuel Baltar, falaba de supostas "mordidas" a construtores para presunto financiamento ilegal do partido popular ourensán.

O xornal Público deu a coñecer estas dilixencias e sinala que o fiscal lles solicitou as gravacións orixinais e tamén a identificación das fontes, pero declinou a facelo amparándose no segredo profesional. Nunha rolda de prensa celebrada este venres na sede do partido, Baltar rexeitou pronunciase sobre este asunto do que foi preguntado. "Ningún comentario sobre iso, grazas", foi a resposta obtida polos informadores de parte do ex presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar, quen agora é senador.

O ex presidente provincial, Manuel Baltar, eludiu dar explicacións sobre este anuncio de apertura de dilixencias durante unha rolda de prensa convocada na sede do Partido Popular provincial, na que presentou unha iniciativa que os populares levarán a todos os concellos da provincia contra a tramitación da presunta Lei de Amnistía.

Tras facerse pública esta apertura de dilixencias, o deputado do Bloque Nacionalista Galego, Iago Tabarés anunciou que formulará unha pregunta parlamentaria ao Goberno galego sobre a "idoneidade" do ex presidente provincial ourensán para obter e desempeñar a condición de senador por designación autonómica.

Para o deputado, a tramitación de dilixencias penais "por feitos de tanta relevancia relacionados coa xestión de fondos públicos, mesmo co eventual financiamiento de partidos políticos", esixen unha valoración do PP sobre si é a persoa adecuada para ostentar a representación de Galicia no Senado.

Deste xeito, no texto da pregunta que será debatida en sesión plenaria, o deputado nacionalista explica que a instancia do grupo parlamentario do PP o pasado 28 de xullo o Parlamento galego ratificou a proposta de Xosé Manuel Baltar Blanco como senador por designación autonómica.

Non entanto, esgrime que tanto no momento da súa proposta como na súa posterior designación "estaba inmerso nun procedemento penal" no Xulgado de Primeira Instancia de Poboa de Sanabria "pola comisión dun delito contra a seguridade viaria", lembrando que o delito do que presuntamente é responsable consiste na condución a 215 quilómetros por hora nun tramo ilimitado a 120, e que, ademais, o vehículo no que supostamente se cometeron os feitos pertencía ao parque móbil da Deputación Provincial.

Lamenta así o nacionalista que "nin a acusación formulada polo Ministerio Fiscal nin as denuncias contra José Manuel Baltar Blanco por presunto uso irregular de vehículos do parque móbil da Deputación de Ourense impediron que o Grupo Popular cuestionase a súa idoneidade para ostentar o cargo de senador".

O presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, durante un paseo polo municipio de Xinzo de Limia
O presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, durante un paseo polo municipio de Xinzo de Limia | Fonte: Agostime - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta