Oportunidades e dificultades da proposta de Urkullu

O recente artigo de Iñigo Urkullu no diario "El País" reabriu o debate -polo demais, nunca concluído- sobre a estruturación territorial do Estado español. É certo que estamos ante unha opinión emitida nun formato xornalístico e que, por tanto, non se trata dun documento debidamente sistematizado e formalizado asumido polo actual presidente do goberno vasco. Non se lle poden pedir os niveis de precisión e concreción que serían esixíbeis a unha resolución aprobada polo PNV ou polo propio goberno de Euskadi (hipótese polo demais inviábel debido á presenza do PSE no propio executivo vasco).

Por Xesús Veiga | Compostela | 20/09/2023

Comparte esta noticia
Para contextualizar este texto, semella pertinente lembrar un acontecemento rexistrado no mes de Xullo de 1998. Nese momento naceu a coñecida como "Declaración de Barcelona", subscrita por PNV, CiU e BNG. Daquela, José María Aznar estaba na Moncloa, sen maioría absoluta e cun pacto de investidura acordado, en 1996, cos partidos que administraban o poder autonómico en Cataluña e no País Vasco. A "Declaración" sinalaba dous horizontes. A medio e longo prazo postulaba unha serie de cambios na arquitectura territorial que requirirían o cambio da normativa constitucional. A curto prazo, as tres forzas políticas nacionalistas reclamaban a necesidade dunha nova cultura política que permitise, mediante o diálogo e o acordo, realizar unha lectura do texto constitucional máis acorde coa realidade plurinacional e plurilingüística característica do Estado español.
 
O artigo de I. Urkullu é, parcialmente, fillo desa circunstancia histórica ocorrida hai agora 25 anos. É verdade que o mapa político mudou tanto no ámbito estatal como no interior das tres comunidades históricas concernidas. Existen novas formacións políticas (Sumar, Vox), desenvolvéronse novas dinámicas no seo do PP e do Partido Socialista (tendentes a un uniformismo centralizador no primeiro caso e máis proclives ao entendemento cos nacionalismos periféricos no que afecta á dirección encabezada por Pedro Sánchez) e modificouse a morfoloxía política en Euskadi (desaparición de ETA, refundación da esquerda abertzale e notábel crecemento electoral de Bildu) e en Cataluña (mutación do autonomismo de CiU no independentismo de Junts e reforzamento de ERC no escenario institucional). Na Galiza, a dimensión dos cambios foi moito máis reducida (o PP conserva o seu dominio hexemónico e o BNG segue ostentando a exclusiva da representación nacionalista aínda que perdeu a pluralidade interna que posuía na década dos 90 do pasado século).
 
O texto de Urkullu é susceptíbel de merecer análises e reflexións en dous planos diferenciados. No ámbito académico-doutrinal xa está a provocar opinións sobre o encaixe dalgunhas das medidas formuladas no actual ordenamento constitucional e puntos de vista contrapostos a respecto da metodoloxía proposta polo lehendakari para facer efectivos os cambios que propugna no seu escrito.
 
Hai outro territorio posíbel para o debate: a capacidade que poida ter a oferta de Urkullu para contribuír á construción dun novo consenso no universo da política arredor da estruturación territorial do Estado. A favor do eventual éxito da mesma actúan dous factores relevantes. Un: trátase dunha proposta que non está restrinxida ao marco territorial vasco senón que vai dirixida a todas as formacións que, máis aló de onde operen, teñan a vontade de atopar un denominador común no tratamento das cuestións relativas ao autogoberno das Comunidades. E outro: quérese traballar no ámbito da propia legalidade constitucional, acometendo novas lecturas da mesma que resulten máis integradoras que as actuais.
 
Resultaría pouco realista descoñecer ou agachar as dificultades que ten enfronte a proposta debuxada no artigo xa citado. Enumeremos brevemente algunhas delas: as hipotecas que asumiu o PP no seu discurso territorial para gobernar con Vox en varias CC.AA.; as dificultades que exhibe o independentismo catalán para modificar a súa folla de ruta e buscar obxectivos políticos que non pasen pola consecución dunha Cataluña independente a curto prazo; a relativa debilidade do nacionalismo galego para aproveitar a oportunidade que lle ofrece a proposta de Urkullu (resulta moi significativo, neste sentido, o silencio que mantén a dirección do BNG dende que se coñeceu o escrito do lehendakari)
 
A diferenza do que ocorría en 1998, o PNV ten hoxe unha situación complicada nas súas relacións cos grupos nacionalistas de Cataluña e Galiza. Junts non lle proporciona a afinidade contrastada da vella Converxencia de Pujol (ou da Unió Democrática de Durán Lleida). Na Galiza carece dun interlocutor minimamente congruente coa súa filosofía: o BNG optou por unha relación preferente con Bildu e deixou ao centenario partido vasco na tesitura de buscar a cadratura do círculo co PPdG.
 
En calquera caso, o debate está servido. A pesar de todas as dificultades e limitacións sempre é mellor iso que o silencio ou o retorno aos lugares comúns.
 

Iñigo Urkullu. EAJ PNV. EUROPA PRESS - Arquivo
Iñigo Urkullu. EAJ PNV. EUROPA PRESS - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.