As ondas de frío na Península Ibérica serán cada vez menos frecuentes, segundo un estudo da USC

A extensión máxima das ondas de frío para o período 2021-2050 diminuirá de forma moito máis acentuada que a extensión media, con descensos que oscilan entre o - 2,4 % por década e o - 5,5 % tamén por década.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2023 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

As ondas de frío na Península Ibérica e en Baleares serán cada vez menos frecuentes, duradeiras e a súa extensión espacial tamén será menor. Esta é a principal conclusión á que acaban de chegar os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Alejandro Díaz-Pouso e Alberto no articulo 'Cold wave intensity on the Iberian Peninsula: Future climate projections'.

O traballo, do que informou a USC nun comunicado e no que tamén participan Dominic Royé da Fundación para a Investigación do Clima e Nieves Lorenzo da UVigo, foi publicado na revista Atmospheric Research e mostra proxeccións para o período 2021-2050. O estudo constata que a intensidade media das ondas de frío continuará sendo similar, aínda que os eventos extremos diminuirán en magnitude para o conxunto da Península Ibérica e Baleares, entre un 43 % e un 54 %, segundo a senda de representación de concentracións de gases de efecto invernadoiro (RCP, polas súas siglas en inglés) 4,5 e 8,5, respectivamente.

A extensión máxima das ondas de frío para o período 2021-2050 diminuirá de forma moito máis acentuada que a extensión media, con descensos que oscilan entre o - 2,4 % por década e o - 5,5 % tamén por década. "Este estudo foi motivado pola inexistencia de estudos específicos da intensidade e extensión espacial das ondas de frío futuras no ámbito da Península Ibérica e Baleares", explican desde o equipo investigador.

Estes eventos, tal e como ocorre coas ondas de calor, pódense caracterizar por catro dimensións: frecuencia, duración, intensidade e extensión espacial, que se abordan neste estudo mediante a utilización do índice ECF (Excess Cold Factor). Desenvolvido por científicos australianos do mesmo xeito que o seu análogo para as ondas de calor (o índice EHF), incorpora directamente o aspecto da intensidade e o proceso de aclimatación do corpo humano, o que posibilita o seu uso na avaliación dos efectos das ondas de frío na saúde da poboación.

As maiores intensidades obsérvanse no este/nordés peninsular e zonas montañosas, e as menores na zona oeste. Así mesmo, as áreas que mostran unhas maiores intensidades coinciden, en liñas xerais, coas áreas nas que as ondas de frío son máis duradeiras e frecuentes. O número medio anual de días de onda de frío na Península Ibérica e Baleares reducirase aproximadamente un 50 % en comparación co período 1971-2000 (de 20,7 a 10 días).

Unha muller frega as mans polo frío
Unha muller frega as mans polo frío | Fonte: Arquivo

As tendencias para 2021-2050 mostran unha diminución de - 1.2 días/década e - 2.4 días/ década para os escenarios RCP 4.5 e RCP 8.5, respectivamente. A duración media dos eventos para o conxunto da Península Ibérica e Baleares tamén diminúe, aínda que en menor medida, de 6 días a aproximadamente 5.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta