Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2023 | Actualizada ás 16:44
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reprochou o "carrusel de regalías" que atribúe ao Executivo que dirixe Alfonso Rueda, ao que afeou que prefira "regalar chándales ou un bono turístico a todo o mundo" a recuperar a gratuidade para os libros de texto.
Así mesmo, Formoso criticou os "recortes" no ensino público "da man de Rueda", convencido de que abocan a unha Galicia "sen futuro". Así o transmitiu antes de participar no 'II Xuntanza Provincial do Socialismo Ourensán', na que tamén interveu o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, e no que se rendeu homenaxe á histórica militante Carmen Rodríguez Nóvoa.
O responsable socialista acudiu ao encontro ourensán tras a romaría de Oroso do pasado fin de semana, na que participou o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, e que demostra, dixo, que o partido "está activado, ilusionado, con espírito crítico e ánimo de fiscalización" do Goberno galego.
"PERÍODO DE REGALÍAS UNIVERSAIS"
Neste sentido, censurou a xestión de Rueda, a quen ve inmerso "nun período de regalías universais" no que "prefire regalar chándales e bonos turísticos a todo o mundo" tras "pór en cuestión" o modelo de gratuidade dos libros de texto, posto en marcha polo anterior goberno de coalición entre BNG e PSdeG, que presidiu o socialista Emilio Pérez Touriño.
"Un modelo que investindo 17 millóns cada ano --71 millóns de euros cada catro anos de vixencia dos manuais-- desafogaba o custo de 700 euros por alumno para as familias", inciden os socialistas.
"Pero o actual presidente da Xunta prefire destinar unha contía semellante para un bono deportivo de 120 euros para escolares sen progresividade, dá igual que pertenzas ao club selecto de 7.700 galegos con 6 millóns de euros ou que cobres o salario mínimo", esgrimiu, crítico tamén co bono turístico.
Así, insistiu en que Rueda pon "en cuestión" os servizos públics como a educación e a sanidade, apelando a protexelos. A continuación, interveu no acto 'Con-Memora', organizado pola agrupación provincial do PSdeG de Ourense, no que homenaxearon á militante de máis de 100 anos Carmen Rodríguez Nóvoa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.