Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2023 | Actualizada ás 20:48
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou varias preguntas dirixidas ao Ministerio de Transportes co fin de esixir "axilidade" e "concreción dos prazos" no que respecta á construción da autovía A-76 Ponferrada-Ourense.
Segundo resalta nun comunicado, esta é "unha vía especialmente importante" para as comunicacións da comarca de Valdeorras e a súa ligazón coa Meseta, sobre todo "atendendo á falta das melloras e obras na N-120".
Nun comunicado, Rego lembrou que a autovía leva "anos de atrasos" e "tempos en branco, sen que se produciu un impulso firme que demostre un compromiso real para executar esta infraestrutura en tempo e forma". En concreto, sinalou que o proxecto está dividido en doce tramos, e os "máis avanzados" están na zona próxima a Ponferrada.
NOVA PESCANOVA
Noutra orde de asuntos, Rego rexistrou iniciativas na Cámara baixa tras coñecer a intención de Nova Pescanova de iniciar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) afectando principalmente o centro situado en Chapela.
A organización nacionalista demanda ao Goberno do Estado adoptar "as medidas e contactos necesarios" para impedir a perda de postos de traballo e asegurar a continuidade da actividade empresarial e industrial da factoría.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.