Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2023 | Actualizada ás 14:08
O pleno do Concello de Santiago aprobou este xoves unha proposición presentada polo PSOE para apoiar e avalar a implantación dunha taxa turística na cidade, unha medida que xa contara co aval plenario noutras ocasións e que esta vez tivo a abstención do grupo popular, que considerou que o actual é "o goberno máis turismofóbico da historia de Santiago".
Así o dixo durante a súa intervención o edil do PP Borja Verea, que asegurou que a implantación dunha taxa turística "non solucionará ningún dos problemas" do modelo turístico compostelán e criticou que o equipo de goberno local "culpabilice" aos turistas. "Nós témolo claro, os visitantes non son culpables absolutamente de nada", dixo. A proposición foi presentada polo PSOE e aprobada cos votos dos socialistas, Compostela Aberta e BNG, mentres que o Partido Popular abstívose.
Na iniciativa exponse que o goberno local inste á Xunta a presentar antes de fin deste ano no Parlamento un proxecto de lei para amparar a implantación de taxas turísticas en Galicia, cun texto que "garanta a aplicación voluntaria" por parte dos municipios. Ademais, a proposta socialista fai fincapé na necesidade de que estes fondos recadados sexan cedidos como tributo aos concellos e que repercuta naqueles que decidan implantalo.
O edil socialista Sindo Guinarte apuntou que este é "un debate superado nos países" da contorna que, ademais, "gañou argumentos a favor nos últimos tempos" co incremento do peso do turismo na cidade. Unha taxa turística, engadiu, "non ten efecto disuasorio" e "contribúe a achegar recursos ás administracións públicas" en aras da sustentabilidade.
Guinarte dixo que xa os socialistas apostaron por esta posibilidade durante a pasada lexislatura, na que se encargou un informe técnico para avaliar esta posible implantación, que pasa por cambios normativos a nivel autonómico. Agora, proseguiu, "é o momento de avanzar e concretar", polo que instou á alcaldesa, Goretti Sanmartín, a trasladar esta cuestión na reunión que manterá o luns co presidente galego, Alfonso Rueda.
UNHA TAXA QUE É "UN CLAMOR"
Por parte do goberno local tomou a palabra a edil de Turismo, Míriam Louzao, que apuntou que o informe encargado polos socialistas, "actualizado", foi remitido xa á Xunta, xunto cunha proposta de proxecto de lei que é "aberta", dixo. Louzao instou á "unión de forzas" para conseguir a implantación de "unha taxa que a estas alturas está máis que xustificada nunha cidade como Santiago" e que é "un clamor" en diferentes sectores.
Sobre a repercusión directa destes fondos en Santiago, que reclaman os socialistas, a edil sinalou que o Fondo para a Promoción do Turismo de Galicia que propón o proxecto de lei remitido á Xunta inclúe "un mínimo dun 95 %" destes fondos "para os concellos de grande impacto turístico", polo que a intención é que "reverta exactamente no mesmo concello que foi recadado".
O PP ACUSA O GOBERNO DE "TURISMOFÓBICO"
Pola súa banda, o edil popular Borja Verea asegurou que a taxa turística "non solucionou ningún problema nas cidades nas que se implantou" e instou a abordar "unha pregunta máis importante", a de "que cidade queremos para o futuro". "Esta resposta non a vai a dar que teñamos ou non unha taxa turística", engadiu. Para Verea, o goberno local de Santiago está a tratar de "converter ao turista no novo inimigo" do que "hai que defenderse", polo que o tachou do "máis turismofóbico da historia de Santiago".
"Nós témolo claro, os visitantes non son culpables absolutamente de nada, o único culpable é a ausencia de políticas de turismo", engadiu o edil popular, que considerou o debate sobre a taxa turística "perder o tempo". "Fala o goberno de saturación, de turismo masivo, de turismo 'low cost'. Cre que a taxa turística vai solucionar estas cuestións? Evidentemente non", resolveu Borja Verea.
Fronte a estas acusacións, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, afirmou que "non hai unha culpabilización" do turismo, se non a necesidade de "corresponsabilidade das persoas que visitan Santiago co aumento do gasto que xeran" en ámbitos como o reforzo de seguridade, a limpeza ou a conservación do patrimonio, "algo que pasa nos países da contorna sen problemas". "Parece que o PP non ten interese en que haxa unha achega que é xusta, e que isto o paguen só os veciños de Compostela", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.