Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2023 | Actualizada ás 15:40
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha iniciativa para pedir ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que poña "máis frecuencias" nos servizos ferroviarios do Eixo Atlántico, dado o "desaxuste existente" entre a oferta actual de Renfe e a demanda da poboación.
O nacionalista, a través dun comunicado, solicita ao Goberno central que "deixe de pór escusas de mal pagador e se poña a traballar para ofrecer un servizo ferroviario de calidade aos galegos", o cal pasa por máis itinerarios entre Vigo e A Coruña, tanto de Avant como de Media Distancia.
Rego faise eco das sucesivas "incidencias, demoras, falta de prazas" e as queixas dos usuarios para incidir na necesidade de pór máis horarios á primeira hora da mañá, con intervalos máis curtos: "Non é normal que o primeiro tren Media Distancia entre A Coruña e Vigo salga ás 7,00, o seguinte ás 8,00, ás 9,00 e ás 9,30. O único tren que existe antes das 7,00 é ás 5,35".
O mesmo ocorre, engade, na franxa do mediodía, con "esperas dunha hora entre un tren e outro". "Totalmente ineficaz", insiste Rego, que solicita tamén máis trens a última hora da noite. Así as cousas, o deputado do BNG aposta por que o Goberno prorrogue os bonos de Renfe e deseñe un servizo de proximidade para Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.