Sindicalistas a prol dos proxectos eólicos: "Os xuíces non teñen nin idea do tema, son pancas do Estado"

Francisco Méndez, de CCOO, di que os traballadores dos parques eólicos están moi estigmatizados pola sociedade. "Fun unha noite coa muller a tomar un café ao bar do pobo e todo moi ben cos veciños, pero ao día seguinte ao entrar coa roupa de traballo fun insultado"

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 01/10/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Os parques eólicos están sendo obxecto de debate non só nos tribunais, senón tamén entre unha gran parte da poboación, que considera que poden ser prexudiciais para o seu entorno e que poden causar danos no medio ambiente. Dende Galicia Confidencial quixemos falar con Francisco Méndez, responsable de Estratexias Industriais de Comisións Obreiras - Industria, que ten unha visión ben distinta do que poden supoñer os parques eólicos, aos que ve como unha oportunidade para a rexión e para o seu futuro, baseada nun recurso renovable que poucos países teñen a sorte de ter: o vento.

Francisco Méndez, secretario para o Cambio do Modelo Produtivo e Sustentabilidade de Comisións Obreiras
Francisco Méndez, secretario para o Cambio do Modelo Produtivo e Sustentabilidade de Comisións Obreiras | Fonte: CC.OO. - Arquivo

"O primeiro que temos que entender é que somos enerxía, sen enerxía non hai industria, non hai economía nin hai nada, a enerxía é a base de todo", asegura Méndez. Partindo desa base, móstrase convencido de que "precisamos dun fluxo de enerxía o máis limpo, barato e asequible posible, e que se sosteña no tempo". Así, en Galicia temos un recurso dos máis valiosos: o vento. Galicia sería o terceiro país do mundo en recurso eólico, do que se poden aproveitar 3.500 horas anuais, mentres que, tal e como explica o sindicalista, "en España estanse poñendo parques con menos de 2.000 horas anuais, e iso tendo en conta que eles dispoñen de enerxía fotovoltaica e nós non (por mór do clima)".

Sen industria a economía non flúe, algo que quedou patente coa suba dos costes de enerxía orixinada pola guerra de Ucraína e a dependencia do gas ruso para producir enerxía, unha enerxía que aquí non tiñamos e por iso precisabamos mercar. "E agora, cando comeza a entrar a produción de enerxía eólica no mercado, xunto á hidráulica, empezan a baixar os prezos", apunta Méndez, que recorda que foi "a partir de setembro do ano pasado (2022) cando a inflación comezou a moderarse, algo que notaron os propios cidadáns". E todo iso producindo únicamente 4.000 MW de potencia, "moi pouco" e cunhas infraestruturas xa desfasadas, pois "a maioría dos parques montados teñen máis de 10 anos, a maior parte están no entorno dos 18-25, é dicir, son máquinas moi antigas porque fomos pioneiros".

Así as cousas, o secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sustentabilidade de Comisións Obreiras móstrase convencido de que "estamos renunciando a aproveitar un recurso que temos" o cal, "é un grave erro". Por que? Como incide, porque "actualmente coa enerxía eólica que temos instalada só cubrimos un 30 % da demanda das industrias enerxéticas, e aínda que haxa xente que diga que imos sobrados, non é certo, pois nin sequera sumando a eólica e a hidráulica superamos amplamente o 50 % da demanda".

OS XUÍCES COMO FERRAMENTA POLÍTICA QUE PARALIZA O AVANCE

Parque eólico
Parque eólico | Fonte: CAPITAL ENERGY - Arquivo

Cal é o verdadeiro problema, o por que de toda a paralización de proxectos? Para Méndez está claro: "Hai xente que se está volvendo tola, que está utilizando isto como unha ferramenta política sinxelamente para desestabilizar políticamente ao contrario intentando facerse un oco no espazo político do rural, enganando á xente e mentíndolle de forma descarada". "Están a xogar con 'slogans' do tipo 'Que poñan os parques no paseo da Castellana, en Madrid', pero eu digo: xa quixeran eles, pero non teñen ese recurso que nós si temos e que é o vento, ao igual que xa lles gustaría ter vacas para producir leite e así non ter que pagala tan cara", expón o sindicalista. 

Todo isto tradúcese nun aluvión de alegacións que paralizaron os procesos administrativos e burocráticos e que, por ende, están paralizando ao sector. Como permiten que suceda isto os xuíces? Segundo indica Méndez, porque se deixan levar pola corrente. "É cuestión de ignorancia: os xuíces sobre tecnoloxía e ciencia están moi atrás, aínda que sexa moi pouco correcto dicilo así, falan de cousas que non entenden e chégalles calquera tontería e crena por riba dun informe dun técnico que traballa para a administración, cargándose e levándose por diante a súa credibilidade", sostén. Deste xeito, rexeitáronse ata a data as dúas terceiras partes do total de proxectos presentados para a creación de parques eólicos, "baseándose en argumentacións peregrinas e engadindo nas sentenzas xuízos de valor".

"Moitos xuíces xulgan cousas das que non entenden, como se a min me pós a xulgar un caso de ciruxía pulmonar, eu non me atrevo a falar diso porque non teño nin idea, pero semella que algún xuíz si se atreve a falar de cousas que claramente descoñece", reitera, engadindo que "tampouco semellan ter moita idea de política industrial nin do futuro que pode haber para este país". Sen embargo, afirma que a culpa non é toda deles, pois "son pancas do Estado que alguén pulsa ou non segundo os seus intereses". O que si lles pide é que "sexan un pouco máis responsables". 

GRAVE ESTIGMATIZACIÓN DOS TRABALLADORES DOS PARQUES

Por outra banda, sobre o tema do emprego no sector e os seus beneficios para fixar poboación nas zonas rurais onde se instalan os parques, Méndez explica que "en Galicia traballan aproximadamente unas 5.500 persoas no sector eólico, e un dos seus requisitos para poder facelo é ter a súa residencia a un máximo de 45 minutos do parque, e falamos de 45 minutos por estradas de montaña, o que se traduce en ter que vivir si ou si na comarca onde está o parque para poder traballar no seu mantemento". Pode que non sexan os cidadáns que están todo o día na aldea máis próxima ao parque, pero si que viven na zona e fan consumo na mesma. "Todo o mundo coñece a estes traballadores porque van ao bar preto do parque, compran no supermercado de abaixo, etc", comenta o sindicalista.

Lamentablemente, o responsable de Cambio de Modelo Produtivo de CC.OO. expón que a realidade social destes traballadores non sempre é agradable. "Eu traballei durante anos levando as contas de mantemento dun parque e os compañeiros contábanme cousas como que ían unha noite coa muller a tomar un café ao bar do pobo e todo moi ben cos veciños, pero que ao día seguinte ao entrar coa roupa de traballo lles insultaban", conta Méndez. Tanto é así que asegura que "moitos compañeiros do sector, especialmente da zona norte de Galicia, montaron unha asociación en defensa do seu traballo e andan pegando carteis por aí porque están fartos". 

Volvendo ao tema inicial, sen enerxía non hai sociedade, porque non hai industria. E, na actualidade, hai máis dunha decena de proxectos de especial relevancia para Galicia e para o futuro da rexión que precisan de enerxía renovable. "Pecharon a antiga industria, a contaminante, e hai que substituíla con algo, porque tamén son empregos que se perden", explica Méndez. Pon como exemplo o caso de Alcoa, que "sobreviviu a pesar de ser unha das maiores consumidoras de enerxía eléctrica de Europa (cando Alcoa está traballando o consumo eléctrico de Galicia dispárase un 30 %) pola loita social, pero esa enerxía que precisa hai que cubrila con algo, pois se Alcoa desaparece non sei que vai ser da comarca da Mariña, porque non teñen outra alternativa". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Marco

Eses mesmos xuíces que tacha de incompetentes, son os que impediron pechar Alcoa San Cibrao... pois a ver, os xuices son bós ou son malos, ou son bós e malos segundo nos conven? 🤔 Seguide así que o facedes ben oh! (Modo ironía en ON)

1 Juanjo

Increíble: un sindicalista apoyando al lobby eólico y acusando de "incompetentes" a los jueces. Debe ser un paniaguado de la patronal eólica