Tense dito, en moitas ocasións, que o fútbol é o asunto mais importante das cousas menos importantes. Tratase dunha actividade deportiva que concita amplas porcentaxes de seguimento social e que alimenta procesos de identificación simbólica nos eidos cultural e político. Simultaneamente, o desenvolvemento e organización das competicións nos ámbitos nacional e/ou internacional están dominadas por prácticas pouco democráticas e tendentes á corrupción clientelar. Non se pode descoñecer que, dende hai tempo, o fútbol ten unha abafante dimensión de negocio mercantil que move grandes cantidades de diñeiro e que resulta cada vez mais vulnerábel á presión de grupos cuxos intereses non se compadecen cos valores que invocan habitualmente as institucións e os organismos presentes nese mundo.
O chamado "caso Rubiales" foi un bo termómetro para medir a dimensión de dous fenómenos moi relevantes. Por unha banda, certificou a presenza insoportábel do machismo nas estruturas dirixentes do fútbol español e as dificultades existentes para mudar substancialmente os comportamentos consolidados durante as últimas décadas. Ao mesmo tempo, rexistrouse unha grande reacción social contra as agresións e presións recibidas polas xogadoras da selección. A dualidade da situación ficou reflectida de xeito contundente: mentres a RFEF demostraba vivir comodamente instalada nunha burbulla bunkerizada fronte a todo o que supoña integrar os valores da igualdade entre homes e mulleres; no seo do corpo social medraron expresións de inequívoco compromiso -baixo o lema "rematouse"- coas deportistas tanto tempo esquecidas e ninguneadas.
A combinación da valente resposta protagonizada polas xogadoras e o clima de opinión xerado en amplos sectores da sociedade a respecto de todo o sucedido, ten provocado a maior crise institucional no seo dunha Federación -a de fútbol- que leva moito tempo sen acadar os estándares mínimos de transparencia e decencia esixíbeis a calquera organización que actúe nun sistema democrático de calidade. Velaquí a última demostración concreta da capacidade transformadora que posúe o movemento de afirmación dos dereitos das mulleres neste momento histórico concreto.
Recoñecer os notábeis avances rexistrados na batalla pola igualdade entre mulleres e homes non significa ignorar os relevantes atrancos que aínda subsisten no corpo social e no universo institucional. A persistencia das elevadas cifras de violencia contra as mulleres aínda segue contando cun volume significativo de persoas que toleran ou desculpan semellantes agresións. O exemplo de Vox é, sen dúbida, a proba do nove da situación que padecemos: este partido ven de recibir, nas eleccións do pasado 23 de Xullo, o apoio de tres millóns de electores (a terceira formación política do Congreso en número de deputados e deputadas) e non cabe pensar que estes votantes descoñecían as posturas negacionistas da violencia de xénero e os postulados abertamente machistas que defenden Abascal e os seus acólitos.