O proceso para elixir novo líder do PSOE de Santiago arrancará o día 21

A comisión xestora do PSOE de Santiago de Compostela, presidida por Diego Fernández López, decidiu na tarde deste xoves convocar o proceso para a elección da nova dirección local do partido na cidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2023 | Actualizada ás 19:23

Comparte esta noticia

A comisión xestora do PSOE de Santiago de Compostela, presidida por Diego Fernández López, decidiu na tarde deste xoves convocar o proceso para a elección da nova dirección local do partido na cidade. A asemblea na que se elixirá a nova dirección local terá lugar o sábado día 21 de outubro.

Actualmente, o partido na capital galega está dirixido por esta xestora á que deu luz verde a dirección federal do partido o pasado mes de xuño, tras a renuncia do ata entón secretario xeral, o que foi alcalde e actual senador, Xosé Sánchez Bugallo, tras perder o bastón de mando. Conforme informou o Partido Socialista, o prazo para a presentación de propostas da nova executiva local estará aberto desde este xoves, día 5 de outubro, ata o vindeiro mércores, día 11, ás 14.00 horas.

A nova dirección local conformarase, como mínimo, de Secretaría Xeral, Secretaría de Organización e Secretaría de Política Municipal. Ademais, deberá contar con áreas de Acción Electoral, Administración e Formación, que poderán constituírse en secretarías de área independentes ou integrarse na de Organización. Tamén se recomenda a inclusión dunha secretaría de Igualdade.

Segundo o establecido nos estatutos federais do PSOE e no seu regulamento, as comisións executivas municipais serán elixidas a través o sistema de voto maioritario, mediante voto individual directo e segredo da militancia, en listas pechadas, bloqueadas e paritarias. Nun comunicado, o presidente da xestora, Diego Fernández, sinalou que "112 días despois da constitución da xestora", esta "dá por concluído o seu labor durante esta etapa de transición" e decidiu "dar voz á militancia para elixir democraticamente unha nova dirección do partido e iniciar unha nova etapa de futuro" do PSOE de Santiago.

O ex alcalde de Santiago e candidato socialista á reelección no seu momento, Xosé Sánchez Bugallo, intervindo durante o seguimento da xornada electoral na sede do PSdG de Santiago de Compostela, a 28 de maio de 2023
O ex alcalde de Santiago e candidato socialista á reelección no seu momento, Xosé Sánchez Bugallo, intervindo durante o seguimento da xornada electoral na sede do PSdG de Santiago de Compostela, a 28 de maio de 2023 | Fonte: César Arxina - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta